Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, asinou hoxe cos alcaldes de Ponteareas, Xosé Represas, e Gondomar, Juan Francisco Ferreira, os convenios de adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta

A Xunta e os concellos de Ponteareas e Gondomar asinan os acordos para crear unha bolsa de vivendas sociais cos inmobles desocupados nestas localidades

Vázquez Mourelle salienta que estes convenios pretenden facilitar o acceso a unha vivenda ás persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares se atopan en situacións de dificultade

Sinala que as vivendas incorporadas a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, cun seguro multirrisco do fogar e un de garantía de cobro da renda, con asistencia xurídica, para tranquilidade dos arrendatarios

Subliña que son as grandes cidades ás que rexistran maior número de desafiuzamentos, polo que celebraría que o Concello de Vigo tamén asinara o acordo para incorporarse ao Programa de Vivendas Baleiras

Lembra que a semana pasada a Xunta trasladoulle ao alcalde de Vigo a petición da Cámara galega para a súa adhesión ao citado programa, polo que agarda que atenda esta solicitude para dar solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda
 

Vídeo da conselleira de Infraestruturas e Vivenda
  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, asinou hoxe cos alcaldes de Ponteareas, Xosé Represas, e Gondomar, Juan Francisco Ferreira, os convenios para a incorporación destes municipios ao Programa de Vivendas Baleiras
  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, asinou hoxe cos alcaldes de Ponteareas, Xosé Represas, e Gondomar, Juan Francisco Ferreira, os convenios para a incorporación destes municipios ao Programa de Vivendas Baleiras

Vigo, 1 de agosto de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López- Chaves, asinou hoxe cos alcaldes de Ponteareas, Xosé Represas, e Gondomar, Juan Francisco Ferreira, os convenios para a incorporación destes municipios ao Programa de Vivendas Baleiras.

Vázquez Mourelle salientou que estes acordos pretenden facilitar o acceso a unha vivenda ás persoas que, por circunstancias económicas, persoais ou familiares se atopan en situacións de dificultade. Precisou que esta iniciativa vai facer dun conxunto de vivendas desocupadas, unha bolsa de vivendas sociais.

O obxectivo prioritario desta medida é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das Administracións locais.

Estes convenios fixan un prezo máximo da renda do aluguer –de 300 euros–, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

A conselleira explicou que se trata de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario: que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta de Galicia.

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financian un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios. Estes seguros ofrecen garantías e blindan ao propietario, que ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado.

Sumar esforzos

Ethel Vázquez fixo fincapé na importancia de que o resto dos municipios da área de Vigo colaboren coa Xunta e se sumen ao Programa de Vivendas Baleiras. Destacou que son as grandes cidades as que rexistran maior número de desafiuzamentos e de familias que precisan dun fogar, polo que celebraría que o Concello de Vigo tamén asinara o convenio para incorporarse á citada iniciativa da Xunta.

A conselleira lembrou que a semana pasada a Xunta trasladoulle ao alcalde o acordo plenario que debateu e aprobou o Parlamento de Galicia, demandando do Concello de Vigo as actuacións necesarias para adherirse ao programa. Concretou que o Executivo autonómico agarda que o Concello atenda a petición da Cámara galega e solicite a súa incorporación, porque estase a falar de solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda.