Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Cores Tourís analizou cos alcaldes de Tomiño e portas as demandas dos municipios en relación á administración autonómica

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra realizou unha visita institucional a estes concellos con motivo do seu nomeamento

  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra realizou unha visita institucional a estes concellos con motivo do seu nomeamento
  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra realizou unha visita institucional a estes concellos con motivo do seu nomeamento

Pontevedra, 29 de novembro de 2016.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou hoxe unha visita institucional aos concellos de Tomiño e Portas onde mantivo unha entrevista cos seus alcaldes, os que lle transmitiron as principais preocupacións dos municipios en relación á actividade da administración autonómica.

O delegado territorial continúa así, tras tomar posesión do seu cargo, a rolda de visitas polos concellos dependentes da Delegación Territorial de cara a escoitar os responsables municipais e analizar as súas demandas.

En primeiro lugar, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, analizou con Cores Tourís a situación da concentración parcelaria de Estás-Goián-Figueiró. A alcaldesa solicitou a José Manuel Cores Tourís que se axilizara a súa tramitación. Neste senso, o delegado territorial informoulle que se vai facer unha encomenda de xestión de cara a que se poida rematar canto antes. Esta parcelaria beneficiará a 1.288 propietarios, pasando de 12.256 fincas iniciais a 2.697.

Por outra banda, Sandra González tamén agradeceu a posta en marcha do obradoiro que hoxe se inicia, porque permitirá formar a desempregados, “e estamos seguros que será todo un éxito”. En relación á Consellería de Economía, Emprego e Industria, tamén destacou a rexedora a importante colaboración prestada por este departamento autonómico ao concello de cara a mellora e reforma da praza de abastos da localidade, “que se converteu nun referente no centro da vila reactivando o comercio de proximidade”. A subvención nesta obra superou os 380.000 euros.

Finalmente, a alcaldesa tamén analizou co delegado territorial a necesidade da construción dunha variante que permita retirar o tráfico do centro da vila. Recordou Sandra González que a estrada que atravesa o centro urbano de Tomiño é de titularidade autonómica e que o concello estaría disposto a asumir a súa transferencia se se levase a cabo ese novo vial que aliviase de vehículo o centro da localidade. O delegado territorial valorou este proxecto como moi interesante e comprometeuse a falar do mesmo coa conselleira de Infraestruturas para analizar a súa viabilidade, que pasaría por un convenio a tres bandas entre concello, Xunta e Deputación de Pontevedra.

Portas

Pola súa banda, o alcalde de Portas, Víctor Estévez, agradeceu ao delegado territorial que visitara o concello para analizar as principais necesidades do concellos, centradas na axilización das concentracións parcelarias en marcha nestes intres, tanto a de Briallos como a de Romai, así como na mellora do saneamento deste municipio. Tamén demandou a colaboración da Xunta en relación á posibilidade de conseguir un novo camión de loita contra os incendios.

Outro dos temas que trasladou ao delegado territorial, foi a necesidade de conseguir axudas para mellorar a eficiencia enerxética do concello, de cara a reducir o custo deste servizo. Neste mesmo ámbito, o alcalde tamén solicitou que se analizara a viabilidade da mellora da instalación eléctrica do colexio.

Cores Tourís destacou a labor do rexedor, “xa que somos conscientes do enorme traballo que está a realizar o grupo de Goberno local de Portas por mellorar os servizos do concello de cara a beneficiar aos veciños, e, neso, a Xunta está disposta a apoiar de cara a fixar poboación no rural”.

Tamén analizaron ambos a situación da senda verde na que está a traballar este concello en colaboración con Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, e que ten coma obxectivo converter a antiga vía do tren nunha senda que enlace estes tres concellos. “Trasladeille ao delegado territorial o noso interese en que a Xunta de Galicia colabore, xa que consideramos que se trata dunha boa iniciativa para atraer turistas e camiñantes aos nosos concellos”, explicou Estévez, quen asegurou que “queremos que serva, como o Camiño Portugués, para potenciar a nosa comarca”.