Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana unha xuntanza cos presidentes da federación galega e das federacións provinciais de confrarías de Galicia

A Xunta actualizará o decreto de artes e aparellos de pesca e marisqueo atendendo ás demandas do sector

Segundo explicou Rosa Quintana, realizarase atendendo ao diálogo co sector, do mesmo xeito que se fixo co decreto que está en vigor

A conselleira lembrou aos responsables das federacións de confrarías que a Xunta traballa por dar máis protagonismo ao sector na actualización da normativa marítimo-pesqueira a través do Consello Galego de Pesca

En relación ás posibilidades pesqueiras para o 2017, trasladoulles que a Administración galega remitirá ao Goberno Central e á comunidade autónoma de Cantabria -que ostenta este semestre a representatividade das comunidades autónomas- un documento de análise con argumentos de Galicia para defender en Bruxelas un reparto o máis favorable posible ás necesidades reais da frota galega
 

  • A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo esta semana unha xuntanza cos presidentes da federación galega e das federacións provinciais de confrarías de Galicia

Santiago, 3 de decembro de 2016.- A Consellería do Mar informou esta semana aos presidentes das federacións de confrarías de Galicia de que actualizará o decreto de artes e aparellos de pesca e marisqueo para “adaptalo ás necesidades e á realidade da evolución do sector”. Unhas demandas detectadas nas diferentes visitas realizadas pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, ás confrarías de pescadores de Galicia.

Así llo trasladou a titular de Mar ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores de Galicia, Tomás Fajardo, e aos tres presidentes das federacións provinciais de Coruña, Pontevedra e Lugo, Daniel Formoso, José Antonio Gómez e Basilio Otero, respectivamente, nunha xuntanza na que abordaron diferentes asuntos de interese do sector e na que intercambiaron experiencias. O obxectivo deste tipo de encontros, explicou Rosa Quintana, é “seguir avanzando na pesca profesional e afrontar os retos de futuro do sector”.

Segundo trasladou a conselleira na xuntanza, a actualización do decreto de artes e aparellos “realizarase atendendo ao diálogo co sector, do mesmo xeito que se fixo co decreto que está en vigor”. Farase, engadiu, “coa finalidade de obter o benestar social do sector e, ao mesmo tempo, de manter a explotación sustentable dos recursos mariños”.

Este é un exemplo da aposta da Xunta por dar máis protagonismo ao sector na actualización da normativa marítimo-pesqueira, un asunto que tamén foi abordado na xuntanza cos responsables das federacións de confrarías e no que a Consellería traballa a través do Consello Galego de Pesca.

Boa mostra disto tamén son os grupos de traballo creados no marco deste organismo para a elaboración de ditames sobre os regulamentos europeos de medidas técnicas e de recollida de datos e de control. Unhas propostas que foron aprobadas por unanimidade dos membros do Consello Galego de Pesca e que “xa foron remitidas á Comisión Europea”, lembrou Rosa Quintana. O obxectivo, desta aposta “é facer da cogobernanza unha realidade para conseguir unha normativa sinxela e adaptada á práctica da actividade pesqueira, tendo en conta os aspectos económicos e sociais”, afirmou a titular de Mar.

TACs e cotas de 2017
Outro dos temas tratados na reunión foi a proposta da Comisión Europea sobre os TACs e cotas de 2017, que se negociará no Consello de Ministros de Pesca a finais de ano. Unha negociación, subliñou a titular de Mar, “á que aportaremos, a través do Goberno Central, argumentos e datos sobre a incidencia que tería na frota galega co obxectivo de conseguir un reparto o máis favorable posible ás necesidades reais do sector”.

Neste sentido, a conselleira indicou aos responsables das federacións de confrarías que “se está traballando nun documento de análise con información e argumentos de Galicia en relación á proposta da Comisión Europea para trasladar ao Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente e á comunidade autónoma de Cantabria, que ostenta este semestre a representatividade das comunidades autónomas”. A maiores, lembrou, xa se lle remitiu ás instancias europeas outro documento sobre a incidencia que tería para a frota galega a proposta de TACs e cotas para 2017.
 

Tema: Pesca
Departamento: C. do Mar