Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe a segunda edición das 'Xornadas sobre diversidade sexual desde a educación: unha oportunidade para trans*formar a sociedade’

A Xunta destaca o papel da educación para seguir avanzando na igualdade e no respecto á diversidade

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe a segunda edición das 'Xornadas sobre diversidade sexual desde a educación: unha oportunidade para trans*formar a sociedade’
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe a segunda edición das 'Xornadas sobre diversidade sexual desde a educación: unha oportunidade para trans*formar a sociedade’

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe o papel fundamental da educación para seguir avanzando cara á igualdade e afondando no respecto á diversidade. Así o salientou durante a clausura en Santiago de Compostela da segunda edición das Xornadas sobre diversidade sexual desde a educación: unha oportunidade para trans*formar a sociedade.

Nos últimos anos, o Goberno galego está a impulsar importantes avances no que se refire á igualdade das persoas LGTBI, entre as que destaca a aprobación en 2015 da Lei pola igualdade de trato e a  non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, unha normativa pioneira que acadou un amplo consenso.

Ademais, a Administración autonómica mantén unha estreita colaboración coas asociacións LGTBI, a través dos convenios asinados o pasado ano. Para consolidar esta cooperación, os orzamentos autonómicos para 2017, por primeira vez na historia, conteñen unha partida específica para asociacións e colectivos LGTBI, co obxectivo de que poidan seguir desenvolvendo actuacións de sensibilización e concienciación.

Ao respecto, a secretaria xeral da Igualdade recordou tamén que o novo decreto que regula os Centros de Información á Muller (CIM) de outubro de 2016, recolle entre as funcións destes centros a de prestar información, orientación e asesoramento a este colectivo.

Xa para rematar, lembrou que o Goberno galego, a través da Consellería de Educación e en colaboración coa Asociación Arelas, ten promovido o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero. Este documento ten como obxectivo garantir a igualdade plena e combater a discriminación por razóns de diversidade afectivo-sexual, con especial mención aos casos nos que a identidade sexual non se corresponde coa asignada no momento do nacemento da persoa.