Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Máis de 200 persoas acadarán antes do verán a formación profesional mínima para os socorristas

A modificación do decreto do socorrismo busca asegurar a cobertura de efectivos nas praias e instalacións acuáticas galegas e seguir ofrecendo as máximas garantías de seguridade

Santiago, 19 de maio de 2017.- Máis de 200 persoas teñen confirmada xa a súa participación nos cursos de formación mínima para socorristas antes do vindeiro verán. Estes cursos permiten a inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia e poden ser impartidos por universidades, federacións deportivas de salvamento e socorrismo, Cruz Vermella ou outras entidades con experiencia en formación de socorristas sempre que teña a homologación da Academia Galega de Seguridade Pública.

A reforma do decreto regulador do socorrismo entrou en vigor o pasado mes de abril, mantén a formación mínima dos socorristas acuáticos así como o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia. O obxectivo principal da norma reformada é seguir ofrecendo as máximas garantías de seguridade nas praias e instalacións acuáticas galegas. Para conseguilo, entre outras novidades, amplía ata o 2021 o período transitorio para obter a nova formación establecida en 2012, isto é, catro anos máis do inicialmente previsto.

No texto de 2012 regulábase a formación mínima para os socorristas, que se podía acreditar con certificado de profesionalidade de socorrismo; título de técnico deportivo ou superior en salvamento e socorrismo; calquera outro título de grao medio ou superior de formación profesional que incluíra no seu currículo os mó¬dulos formativos asociados a todas as unidades de competencia da cualificación de so¬corrismo en instalacións acuáticas do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais; ou a acreditación de ter superado as catro unidades de competencia da cualificación profesional de socorrismo en instalacións acuáticas, obtidas a través do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral.

A continuación, establecíase un período transitorio de cinco anos -que vencería en abril deste ano- para que os profesionais anteriores a esta regulación tiveran a posibilidade de obter a cualificación ou formación correspondente. Agora, coa modificación, este prazo esténdese ata 2021 para evitar unha baixada de efectivos nas praias e instalacións acuáticas e para continuar dando a opción ás persoas non puideron ata agora obter a nova formación.

Outras das novidades relevantes da modificación é a ampliación das titulacións polas que se poderá acreditar a formación mínima, que pasan a incluír tamén o título de graduado en Ciencias da actividades física e o deporte, así como o título de técnico superior en animación de actividades físicas e deportivas. En ambos casos, deberán superar un curso de adaptación.


As novidades introducidas foron froito do consenso cos principais axentes implicados: Fegamp, tres universidades galegas, Cruz Vermella e Federación de socorrismo de Galicia. Ademais, cabe lembrar que o texto foi sometido a exposición pública para ter en conta as achegas da cidadanía.