Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta avoga por consolidar Galicia como destino de turismo deportivo cunha oferta especializada e co apoio a eventos

A Comunidade acolle por primeira vez, en Sanxenxo, o Euro Beach Soccer League e o Campionato de España de Seleccións Autonómicas

A competición europea será esta fin de semana e terá unha importante proxección no mundo, polo que achegará imaxes de Galicia a máis de 100 países
 

Sanxenxo (Pontevedra), 7 de xullo de 2016.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, avogaron por consolidar Galicia como destino de turismo deportivo co desenvolvemento de produtos especializados e o apoio a eventos deportivos. Ambos participaron esta mañá na rolda de prensa de presentación do Euro Beach Soccer League en Sanxenxo.

A directora asegurou que Galicia acollerá dous campionatos de fútbol praia do máis alto nivel tanto no ámbito nacional co próximo Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que terá lugar os do 15 ao 17 deste mes, coma no eido internacional coa competición europea de fútbol praia ou Euro Beach Soccer League, que se celebra esta fin de semana. A directora subliñou que ambas as dúas se celebrarán por primeira vez en Galicia, concretamente en Sanxenxo.

A competición europea de fútbol praia congregará ás seleccións nacionais máis relevantes, un total de 14, entre as que están as mellores do mundo como é o caso de Portugal, vixente campión mundial. Tamén se darán cita España, Ucrania, Francia, Rumanía, Suíza, Alemaña, Grecia, República Checa, Noruega, Holanda, Inglaterra, Turquía e Andorra, que completan un cartel deportivo de luxo. O evento achegará as imaxes de Galicia a máis de 100 países a través da súa retransmisión por televisión.

A continuación, entre o 15 e o 17 de xullo, Sanxenxo tamén acollerá o Campionato de España de Seleccións Autonómicas nas categorías sénior e xuvenil masculinas, outra cita de especial relevancia.

Nesta liña, Nava Castro trasladou o seu agradecemento á Federación Galega de Fútbol polo seu compromiso pola promoción de Galicia como destino de turismo deportivo. A directora fixo fincapé en que ambos eventos son unha gran oportunidade para promover a nivel turístico Sanxenxo e Galicia en toda España e tamén en todo o mundo grazas á enorme proxección das dúas competicións.

Leta Lasa destacou tamén o recente recoñecemento oficial pola Secretaría Xeral para o Deporte do fútbol praia como especialidade deportiva incorporada á Federación Galega de Fútbol, “o que supón o merecido empuxe a esta práctica deportiva tan consolidada na xeografía galega”. Asemade, o Secretario Xeral para o Deporte coincidiu na necesidade de seguir apoiando a celebración de eventos deportivos de máximo nivel na Comunidade Autónoma, “algo que é bo para o noso deporte –tamén por suposto para o deporte de base, que ten á alta competición como referencia-, e para a nosa consideración como destino turístico privilexiado”, concluíu o Secretario Xeral.
Produtos turísticos especializados e apoio a eventos
Coa finalidade de apostar polo turismo deportivo, a directora explicou que dende a Xunta de Galicia se están impulsando accións encamiñadas á promoción e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados neste campo. Tamén asegurou que o Goberno galego traballa pola captación de máis turistas e o desenvolvemento de produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específicos.

Neste sentido, Nava Castro exemplificou o labor do seu departamento neste campo en actuacións como a mellora da oferta no eido do turismo náutico, o impulso da rede de centros de Bicicletas Todo Terreo ou o apoio á celebración de eventos deportivos que teñen un importante impacto económico nos territorios que se desenvolven.