Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta participará mañá na reunión de seguimento dos acordos adoptados na última conferencia de presidentes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistirá a este encontro de traballo, que terá lugar en Madrid

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participará mañá en Madrid na reunión do Comité preparatorio, de impulso e de seguimento da Conferencia de Presidentes.

Nesta ocasión, o obxectivo principal da reunión será realizar un seguimento dos acordos adoptados na Conferencia de Presidentes que tivo lugar o pasado 17 de xaneiro, para avaliar o seu grao de cumprimento seis meses despois de que foran adoptados.

No encontro de xaneiro, Galicia valorou especialmente os acordos adoptados sobre a reforma de financiamento autonómico, a estratexia nacional fronte ao reto demográfico e o pacto pola educación, tres asuntos que a comunidade autónoma considera fundamentais.

Ademais, tamén se adoptaron outros acordos de interese relacionados coas políticas activas de emprego, a protección civil, as posibilidades de mellora de condicións para os traballadores públicos e unha maior presenza e participación das comunidades autónomas no foro europeo.