Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O Diario Oficial de Galicia publica as axudas destinadas a 123 entidades locais galegas para a promoción da igualdade

As axudas son para programas de fomento da conciliación; prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e apoio aos centros de información ás mulleres (CIM)

A liña de apoio aos CIMs conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas ás entidades locais para a promoción da Igualdade, pola que se benefician un total de 123 concellos e mancomunidades.

As axudas están destinadas a programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar; programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e apoio aos centros de información ás mulleres, CIMs. Contan cun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros- cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos.

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos tomar medidas para para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular.

A terceira liña de axudas é o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM). Co obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, o goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM de a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. Conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros.