Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta colabora co Concello de Meaño para humanizar a área recreativa de Outeiro-Cobas a través da orde de infraestruturas de uso público

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron os traballos levados a cabo

Grazas a estas axudas, o concello de Meaño rehabilitou este espazo de lecer, cun orzamento global de 60.000 euros
 

Meaño (Pontevedra), 5 de decembro de 2017.- A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañados da alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, visitaron esta mañá o concello de Meaño co obxectivo de comprobar as obras que se realizaron a través da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público e que permitiron humanizar a área recreativa de Outeiro-Cobas.

Grazas a estas axudas, o concello de Meaño rehabilitou este espazo de lecer, cun orzamento global de 60.000 euros, cunha aportación da administración autonómica do 80%. Grazas a este investimento púidose mellorar este espazo de 6.000 metros cadrados, devolvéndolle así á cidadanía un espazo de ocio que permitirá aos veciños aproveitar mellor esta zona e gozar do seu patrimonio e dunha mellor calidade de vida.

As obras consistiron na demolición da antiga caseta de auga e a roza de todo o entorno, pavimentación de paseos, instalación de escaleiras e peche perimetral, así como a colocación dunha pista de formigón e do pintado de xogos en varios colores sobre dicha pista. Por outra banda, tamén se axardinou todo o entorno, con céspede e arbustos, e se instalou rega por aspersión. O parque infantil conta con chan de caucho, papeleiras, valla protectora, e iluminación.

A orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas, engadiu o delegado territorial, que indicou que na provincia de Pontevedra foron aprobados 23 proxectos que acadan un total de case 700.000 euros.