Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta propón aumentar de xeito gradual o complemento autonómico do persoal da Administración de Xustiza

Este incremento aplicaríase no momento en que os actuais impedimentos legais desaparecesen

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, propuxo hoxe iniciar as negociacións para incrementar de xeito gradual o complemento autonómico transitorio que recibe o persoal da Administración de Xustiza, tal e como xa se ten trasladado aos sindicatos en distintas ocasións.

Durante unha interpelación parlamentaria, Rueda explicou que este complemento se ampliaría no momento en que os actuais impedimentos legais desaparecesen. Actualmente, esta mellora está limitada pola Lei de orzamentos xerais do Estado, que impide acordar incrementos retributivos que supoñan un aumento da masa salarial superior aos límites fixados nas contas estatais.

Cómpre recordar que a Xunta só ten competencia para negociar determinados complementos salariais, xa que os corpos de funcionariado que auxilian ás autoridades xudiciais son de carácter nacional, pola que as súas retribucións básicas son acordadas polo Estado.

No que respecta a outras demandas que están sobre a mesa, como a estabilidade do emprego, a Xunta xa dotou para 2018 a consolidación das prazas de reforzo dentro da Administración de Xustiza, no marco do acordo asinado en outubro pola Xunta e os sindicatos para o desenvolvemento dun Plan de Estabilidade no emprego público.

Por último, a Administración autonómica reiterou de novo a súa vontade de diálogo e de chegar a acordos, como xa ten demostrado nas diversas reunións e contactos que se mantiveron para negociar os puntos de conflito cos representantes sindicais. O último destes encontros foi o pasado martes 28 de novembro, e o Comité de Folga está convocado a unha nova reunión este xoves.