Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta inviste grazas ao Plan Hurbe preto de 75.500 euros na Cañiza para a mellora da rúa Progreso

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local para acometer obras que redunden directamente no benestar dos cidadáns

Plan Hurbe persegue un triplo obxectivo de humanizar as vilas galegas, favorecer a cooperación cos concellos e promover o reequilibrio territorial de Galicia
 

  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello da Cañiza para comprobar as actuacións de mellora executadas rúa Progreso deste municipio

A Cañiza (Pontevedra), 7 de decembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello da Cañiza para comprobar as actuacións de mellora executadas na rúa Progreso deste municipio grazas ao plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Na visita o delegado estivo acompañado do alcalde da localidade, Miguel Domínguez, así como do xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, José Manuel González.

Os traballos consisten, no primeiro tramo da rúa, ao longo de 105 metros, da execución da beirarrúa da marxe dereita, para quedar similar á actual da marxe esquerda, que conta con beirarrúa con baldosa de formigón de 5 metros de ancho e aproveitamento para aparcadoiro. Na beirarrúa executada a través deste plan o ancho será de 2,25 metros, con baldosas de formigón de cores gris e brancas, acabadas con baixorelevo sen pulir. Ademais, tamén se están a instalar a intervalos regulares tres farois con tecnoloxía led, entre os que se colocan dúas árbores. Deste xeito, redúcese o consumo e mellórase a eficiencia enerxética da instalación.

No segundo tramo da rúa, ao longo de 820 metros, estase a realizar unha beirarrúa no espazo que se atopa entre a canle para a drenaxe da estrada e os muros de peches das parcelas das vivendas existentes, dotándose tamén aos novos farois de tecnoloxía led.

“De este xeito, neste marxe da estrada dótase dunha beirarrúa de acceso a vila para que os seus habitantes se poidan desprazar nunhas mellores condicións de seguridade viaria”, explicou Cores Tourís.

Ademais, as actuacións comprenden tamén a mellora do Parque da Carballeira do Cacharado, para o uso e lecer dos veciños. Trátase da renovación de dez novas mesas de pedra de granito de acabado apomazado, que inclúen dous bancos cada unha, que se atopaban deteriorados.

As obras, que contan cun investimento de 75.500 euros, están a ser levadas a cabo ao abeiro do Plan Hurbe, que ten como obxectivo humanizar as vilas, especialmente as do interior da nosa comunidade, apostando polo reequilibrio territorial. Ao igual que outras liñas de axuda do Goberno galego como as Orde de Infraestruturas, que tamén apoia ao concellos máis pequenos, con case 9 millóns de euros nos dous últimos anos e case 300 actuacións subvencionadas, e o Fondo de Compensación Ambiental, que dende que se puxo en marcha permitiu aos nosos municipios recibir case 70 millóns de euros e que lles permiten levar a cabo actuación moi necesarias para os seus veciños.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense investido na provincia de Pontevedra nos últimos anos máis de 46 millóns de euros en 29 actuacións en 25 concellos.

Cores Tourís destacou que o Plan Hurbe, ademais de mellorar da calidade de vida dos galegos, é un exemplo dos beneficios que aporta a colaboración permanente e sólida coas entidades locais, e recordou que a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local para acometer este tipo de obras que redundan directamente no benestar dos cidadáns na mellora da calidade de vida.

Por esa razón, a Xunta mantén esta liña de actuación, polo que no 2018 se destinarán 10 millóns de euros, un 28% máis de orzamento que en 2017, para obras en distintos municipios de Galicia. Recordou que o Plan Hurbe púxose en marcha en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Ao abeiro deste programa, téñense executado un total de 157 actuacións, cun investimento global de 123 millóns de euros.