Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria das axudas do Fondo de Compensación Ambiental para este ano

A Vicepresidencia da Xunta destina axudas por un importe inicial de 11 millóns de euros para desenvolver proxectos relacionados coa recuperación medioambiental do territorio galego

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2018.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2018, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia, cun orzamento inicial de 11 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá.

O Fondo de Compensación Ambiental procede do canon eólico e dende hai xa oito anos beneficia aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, así como aos seus cidadáns, posto que subvenciona investimentos que melloran o entorno e a conservación natural. Prima as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

Para poder ser beneficiarios destas subvencións, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia deben cumprir o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2016 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso de agrupamentos de concellos ou solicitude conxunta para a xestión compartida, deberán cumprir con este requisito todos os concellos agrupados ou asociados. A falta de acreditación deste requisito por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención suporá a inadmisión desta.

Ao abeiro destas axudas, o ano pasado na liña competitiva concedéronse subvencións a 111 concellos para a execución doutros tantos proxectos que incluían investimentos e/ou gastos de funcionamento. Na liña competitiva concedéronse 104 subvencións para o desenvolvemento de proxectos ambientais, que foron 7 mancomunidades de concellos, 2 consorcios locais, 77 concellos e 18 agrupacións ou asociacións de concellos, que reúnen un total de 42 concellos.