Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta convoca un concurso público para a adquisición de inmobles abandonados no Casco Vello de Ourense para rehabilitalos e destinalos a alugueiro

A Xunta destina 800.000 euros ao proceso de adquisición e tras rehabilitar os edificios agarda obter arredor de 13 novas vivendas no casco vello de Ourense

Trátase do primeiro concurso público de compra de vivendas para rehabilitar que convoca a Xunta de Galicia

Os propietarios interesados dispoñen dun prazo de tres meses para presentar as súas ofertas

No casco vello de Ourense a Xunta está rehabilitando o inmoble de Vilar 1 e proximamente adxudicará as obras de Vilar 3-5
 

Ourense, 12 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia adquirirá inmobles en estado de abandono ou semiabandono no casco vello de Ourense para rehabilitalos e destinalos a alugueiro social. O obxectivo é acadar arredor de 13 novas vivendas rehabilitadas, destinando 800.000 euros en 2018 á adquisición de ditos inmobles. Esta actuación enmarcase no programa Rexurbe co que a Xunta de Galicia traballa na recuperación de cascos históricos de diferentes vilas e cidades galegas.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos de Lugo, Ferrol, Betanzos e Ourense, para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación. Para obter máis información, pode consultarse o seguinte enlace: https://goo.gl/X41mCN.
 
Trátase dun concurso público no que os propietarios interesados poderán ofrecerlle os inmobles da súa propiedade para que sexan adquiridos pola Administración autonómica.
 
Os inmobles que adquira a Xunta deberán estar situados no casco vello de Ourense, nas rúas Vilar, Cervantes, Xerónimo Feijoo, Colón, Libertade, Xulio Prieto Nespereira, Hernán Cortés, García Mosquera, Lugo, Pelaio, 2 de Maio, Manuel Sueiro, Padilla, Triunfo, do Perigo, Moratín, Primavera e Bailén e nas prazas da Victoria, do Sal, Imprenta, da Trinidade, Saco e Arce, Pena Vixía, San Marcial, de San Cosme e da Ferreira, así como en Camiño Canella Cega e, ademais de atoparse en estado de abandono ou semiabandono, deben reunir uns requisitos mínimos que permitan:
 

·         Que as novas vivendas reúnan condicións óptimas de confort e habitabilidade

·         Non estar afectadas por servidumes ou cargas que podan facer inviable a actuación.

·         Estarán inscritas no Rexistro da Propiedade

Ademais, o custe de adquisición non poderá superar o valor de mercado do inmoble nin un valor máximo que se calculará coas fórmulas e parámetros incluídos na resolución para cada rúa ou zona. De maneira orientativa, os prezos de adquisición en Ourense oscilarán entre 143 e 317 euros por metro cadrado edificable destinado a vivenda. Adquiriranse inmobles cun alto nivel de deterioro co obxectivo de actuar sobre os que presentan as peores condicións.
 

O Executivo autonómico seleccionará os inmobles a adquirir conforme a os criterios fixados na resolución, entre os que destacan:

 

·         Edificios que teñan un valor arquitectónico especial que aconselle a súa recuperación.

·         Edificios cuxa recuperación poida contribuír de xeito especial á rexeneración ambiental da zona onde estea emprazado.

·         Ofertas que contemplen a recuperación dunha mazá completa.

En Ourense, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé adquirir inmobles que permitan rehabilitar ou edificar arredor de 13 vivendas.
 
O propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen dun prazo de tres meses para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo. Prevese que a adquisición en escritura pública se formalice no próximo verán e despois procederase á redacción dos proxectos de rehabilitación ou construción.
 
Actualmente, a Xunta ten en execución a rehabilitación do inmoble da rúa Vilar 1, no que se obterán 2 vivendas e, proximamente, adxudicaranse as obras de Vilar 3-5, que foron licitadas o pasado 7 de decembro. O Goberno galego investirá nestas obras máis de 600.000 euros.