Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Policía Autonómica leva a cabo 172 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

Entre o 5 e o 11 de febreiro, realizáronse inspeccións en 15 concellos galegos e foron identificadas 105 persoas

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2018.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 5 e o 11 de febreiro un total de 172 inspeccións de control en 16 concellos galegos.

Por parte dos distintos grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo e Pontevedra, nesta pasada semana realizáronse 51 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos de A Coruña, A Laracha, Ames, Barbadás, Barco de Valdeorras, Culleredo, Lugo, Nigrán, Ourense, Padrón, Pontevedra, San Cibrao das Viñas, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 105 persoas e inspeccionadas 172 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 15 actas de infracción,das cales 4 foron por venda de alcol, 10 por consumo tabaco e 1 por venda tabaco.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.