Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta pon en valor o traballo fundamental que desenvolven as asociacións de axuda ás vítimas de violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións da Asociación Mirabal en Betanzos

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións da Asociación Mirabal en Betanzos
  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións da Asociación Mirabal en Betanzos

Betanzos (A Coruña), 13 de marzo de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o traballo fundamental que desenvolven as asociacións e entidades que axudan e apoian ás vítimas de violencia de xénero.

Así o destacou esta mañá durante a súa visita ás instalacións da Asociación Mirabal en Betanzos, con quen a Administración autonómica vén mantendo unha colaboración fluída nos últimos anos. A Xunta, a través de distintas liñas de subvención, ten destinado algo máis de 81.000 euros nos últimos anos para apoiar a actividade desta entidade.

A Xunta mantén un firme compromiso coa loita contra a violencia de xénero, e por iso ten posto en marcha un amplo abano de medidas de cara á prevención e erradicación desta lacra. Entre outras, a Administración autonómica ofrece axudas directas, asesoramento psicolóxico, impulsa iniciativas de inserción laboral, e persónase como acción popular naqueles casos de violencia de xénero con resultado de morte.

Nesta tarefa, o Goberno galego aposta por colaborar estreitamente con todos os actores implicados, entre os que é moi relevante o papel de entidades especializadas como Mirabal, que prestan atención de calidade, acompañamento e actividades transversais para axudar ás vítimas.