Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta pon en valor a súa oferta aos funcionarios de Xustiza, que lles suporía unha suba de 300 euros ao mes

A última proposta da Administración autonómica, sumada ao incremento acordado no Estado, suporía un aumento salarial de en torno ao 14%

O Goberno galego reitera a súa disposición a dialogar e negociar en torno ao marco do escenario económico plantexado na súa última proposta
 

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2018.- A Xunta de Galicia quere reiterar unha vez máis a súa disposición a dialogar e negociar cos sindicatos de Xustiza para poñer fin á folga nos xulgados galegos, pero sempre dentro do marco do escenario económico plantexado na última oferta, que suporía unha suba de soldo de arredor de 300 euros ao mes a cada funcionario.

Esta última proposta da Administración autonómica aos sindicatos da Administración de Xustiza representa un aumento de soldo para os traballadores da Administración da Xustiza en Galicia de en torno a un 14%, ao sumar á oferta da Xunta o incremento acordado a nivel estatal para os vindeiros tres anos.

Este incremento, que sitúa aos funcionarios galegos como os quintos mellor pagados, complementaríase tamén cunha cláusula que lles garantiría cobrar sempre por riba da media do resto de traballadores. Deste xeito, dáse tamén cumprimento ao acordado no Parlamento.

Hai que ter en conta que, ademais da suba retributiva, desde o Goberno galego tamén se propuxeron outras melloras importantes que redundan tanto en beneficio dos traballadores como da cidadanía do seu conxunto. Así, ofreceuse a creación de 36 novas prazas e de 7 prazas de psicólogo nos servizos de atención ás vítimas; unha suba salarial a través dun complemento para os traballadores dos xulgados de violencia de xénero; e a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade.