Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A sala de exposicións da delegación da Xunta en Vigo acolle “O pracer de pintar” dos alumnos do centro social en Pi y Margall

A exposición, que se desenvolverá ata o vindeiro 30 de maio, está composta por 42 pezas en óleo e acuarela realizadas polos participantes do taller de pintura

O delegado Ignacio López-Chaves e a xefa territorial de Política Social, Marta Iglesias, salientaron na inauguración o potencial e a creatividade dos artistas
 

Vigo, 16 de maio de 2018.- A planta baixa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolle ata o vindeiro 30 de maio a exposición “O Pracer de Pintar”. Unha mostra conxunta dos participantes do obradoiro de pintura do centro sociocomunitario de Vigo, en Pi y Margall, que este mediodía era inaugurada polo delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, e a xefa territorial da Consellería de Política Social, Marta Iglesias.

A mostra está composta por 42 pezas en óleo e acuarela realizadas polos alumnos que participan do taller de pintura que desde fai anos impártese neste centro dependente da Administración autonómica. Carmen Lamas Estévez, técnico en plástica, leva dez anos ao fronte deste obradoiro e fixo fincapé en que o máis importante é “a ilusión coa que os maiores afrontan o reto de situarse ante un lenzo en branco e o gusto que manifestan pola arte. Mantenos activos e gozan”.

No acto, no que tamén estivo presente a directora do centro sociocomunitario Lucía Lorenzo, López-Chaves salientou o potencial e a creatividade dos artistas os que felicitou polo traballo que colgará das paredes da Xunta ata o vindeiro 30 de maio.

Esta exposición súmase así ás múltiples mostras de artistas e colectivos que xa se realizaron na planta baixa do edificio administrativo do Goberno galego, así coma aos cursos e xornadas que se desenvolven no salón de actos ou a organización de actividades culturais e mesas solidarias coma as de DOA ou a AECC, entre outras. Sempre co obxectivo de abrir o edificio administrativo á participación dos cidadáns.

Cómpre lembrar ademais que as instalacións da Delegación Territorial –o salón de actos e a zona de exposicións- están dispoñibles para que todos os colectivos e asociacións parroquiais da cidade acheguen as súas actividades culturais e sociais aos cidadáns, co obxectivo de que transcendan máis aló do seu propio ámbito parroquial e todos os vigueses e viguesas poidan coñecelas.