Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Delegación da Xunta en Pontevedra realiza un simulacro de incendio no que se evacuou a máis de 1.000 persoas

O tempo de desaloxo do edificio foi de 13 minutos e no mesmo participaron bombeiros, Policía Nacional, Autonómica e Local e 112

  • O edificio administrativo de Pontevedra realizou esta mañá un simulacro de incendio no que se logrou evacuar a máis de 1.000 persoas nun tempo real de 13 minutos

Pontevedra, 13 de xuño de 2018.- O edificio administrativo de Pontevedra realizou esta mañá un simulacro de incendio no que se logrou evacuar a máis de 1.000 persoas nun tempo real de 13 minutos.

No simulacro participaron bombeiros, Policía Nacional, Autonómica e Local, e membros do 112, manténdose tamén informado ao 061.

A xefa territorial de Presidencia, Marta Mariño, explicou que o incendio simulado comezou “na primeira planta. Os bombeiros acudiron de cara a illar o andar para que non se estendese ao resto do edificio”.

Dentro do protocolo da emerxencia, un funcionario recreou un ataque de ansiedade, sendo atendido polo facultativo do edificio. O traballador puido saír polo seu propio pé, sen que se rexistrara algún incidente máis. Tamén participaron no simulacro os nenos e responsables da Escola Infantil da Delegación.

Este é o terceiro simulacro que se realiza neste edificio dende a súa apertura en 2009. “O tempo de resposta é similar nos tres casos, sempre dentro dos tempos que baralla o Servizo de Prevención de Riscos Laborais, pero o realmente importante é que tódolos traballadores da Delegación, uns 650, aos que hai que sumar os 300 administrados que se atopaban en ese momento realizando xestións no interior do mesmo, saiban o que teñen que facer en caso dun sinistro real”, explicou pola súa banda Ramón Pereiro, secretario territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, quen agradeceu a participación de 125 voluntarios, traballadores do edificio, que desenvolveron labores nos Grupos de Actuación para guiar e axudar no desaloxo.