Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Fundación Galicia Europa organiza dúas novas edicións do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa

Cun total de 40 prazas,a primeira parte das dúas edicións celebrarase de forma conxunta en Bruxelas no mes de novembro; celebrándose a segunda parte, en dúas quendas, en Santiago de Compostela no mes de decembro.

Mañá arrinca o prazo de presentación de solicitudes, dun mes de duración

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2018.- A Fundación Galicia Europa (FGE) organiza dúas novas edicións, de 20 prazas cada unha, do seu programa de especialización en materia de financiamento comunitario ‘TecEuropa’. O prazo de presentación de solicitudes para este curso, dirixido ao persoal das entidades galegas interesadas en participar en proxectos europeos, dará comezo mañá 11 de agosto, tras publicarse hoxe a convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e remata o 10 de setembro.

As candidaturas deberán ser presentadas, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código do procedemento: PR816LA). A presentación electrónica será obrigatoria para os empregados públicos

Ademais do formulario de solicitude, os candidatos deberán axuntar unha memoria explicativa do interese na actividade formativa por parte da entidade na que traballa, unha breve presentación das propostas de proxectos europeos nos que está a traballar ou nos que participou dita a entidade e, de ser o caso, acreditación de formación específica en asuntos europeos e en idiomas.

Datas e candidatos

A primeira parte das dúas edicións celebrarase de forma conxunta en Bruxelas durante os días 26 e 30 de novembro. A segunda parte terá lugar en Santiago de Compostela os días 11 e 12 de decembro para a primeira edición, e 13 e 14 decembro para a segunda a edición.

Co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades reservaranse, en cada unha das edicións, 7 prazas para persoal dalgunha das entidades membros do padroado da FGE (Xunta de Galicia, ABANCA, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación de A Coruña, Deputación de Lugo e Axencia Galega de Innovación); 6 prazas para persoal das entidades locais galegas; 4 prazas para persoal de entidades do terceiro sector en Galicia e 3 prazas para persoal vinculado con algunha das demais entidades públicas ou privadas galegas sen ánimo de lucro.

Programa formativo

O programa TecEuropa, que celebrará xa a súa quinta e sexta edición, está composto por unha parte teórica, que se desenvolverá na oficina da FGE en Bruxelas, e unha parte práctica que se levará a cabo en Santiago de Compostela.

Así, durante a súa estadía en Bruxelas, os participantes recibirán formación especializada sobre o marco financeiro comunitario 2014-2020, ademais de visitar as sedes das institucións europeas co obxectivo de coñecer de primeira man as súas competencias e funcionamento. Os días de formación en Santiago de Compostela dedicaranse a prácticas de planificación, preparación de candidaturas, redacción técnica e desenvolvemento de proxectos europeos.

Esta formación ten por obxectivo familiarizar aos participantes co financiamento comunitario e as diferentes políticas nas que se encadra, fomentar o desenvolvemento dunha rede de técnicos de proxectos europeos en Galicia e axudar ás entidades participantes a sacar o máximo proveito das oportunidades que ofrece a Unión Europea.