Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Xunta e norte de Portugal consolidan a Eurorrexión como un referente na mobilidade académica coa ampliación do programa Iacobus aos centros tecnolóxicos

O programa ‘Iacobus’ pretende fomentar a cooperación e a mobilidade académica no espazo universitario luso-galaico, apostando polo desenvolvemento de proxectos formativos e de investigación científica comúns

A ampliación do Iacobus aos Centros Tecnolóxicos supón dar un maior impulso ao desenvolvemento de proxectos de I+D+i entre as Institucións de Ensino Superior e os Centros Tecnolóxicos
 

Porto (Portugal), 14 de setembro de 2018.- A Xunta e o Norte de Portugal consolidan a Eurorrexión como un referente na mobilidade académica coa ampliación do programa Iacobus aos Centros Tecnolóxicos, mediante a sinatura da addenda entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente da CCDR-N, Fernando Freire de Sousa.

Esta maña asinouse en Oporto a addenda para incluir os Centros Tecnolóxicos ao Protocolo de “Cooperación Cultural, Científica e Pedagóxica entre as Universidades e as institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal”, nun acto ao que asistiron responsables da Xunta de Galicia, CCDR-N, Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia – Norte de Portugal, Associação dos Politécnicos do Norte, Universidade Católica Portuguesa – Centro Regional do Porto e Centros Tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, que pasarán a integrarse no Programa Iacobus. Tamén asistiu a secretaria de Estado da Ciência, Tenología e Ensino Superior, María Fernanda Rollo.

A ampliación do Iacobus aos Centros Tecnolóxicos supón un maior valor engadido no fomento da cooperación, o intercambio e o desenvolvemento conxunto de actividades de investigación, formativas e de divulgación entre as Institucións da Eurorrexión, ampliando as opcións de mobilidade do Programa ao ofrecer un maior número de institucións de destino para as estancias de investigación. Este Iacobus ampliado dotará ademais dun maior impulso ao desenvolvemento de proxectos de I+D+i entre as Institucións de Ensino Superior e os Centros Tecnolóxicos.

O programa ‘Iacobus’ pretende fomentar a cooperación e a mobilidade académica no espazo universitario luso-galaico, apostando polo desenvolvemento de proxectos formativos e de investigación científica comúns, é un proxecto de formación continua entre institucións de ensino superior de Galicia e o Norte de Portugal, que agora se ve ampliado coa inclusión dos centros tecnolóxicos.

Na actualidade o IACOBUS está a funcionar con grande éxito nas Institucións de Ensino Superior da Eurorrexión, financiando proxectos e iniciativas de investigación, baixo a coordinación da GNP, AECT, entidade xestora do Programa. Nestes momentos, a GNP, AECT está traballando na 6ª Convocatoria do Iacobus para a súa posta en funcionamento no último trimestre de 2018.


Ademais, a GNP, AECT, abrirá tamén en 2018 a primeira Convocatoria do Programa IACOBUS - Publicacións Científicas (Papers). O IACOBUS - Publicacións Científicas ten como obxectivo principal fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica, a través de axudas económicas á publicación de artigos científicos e de investigación en revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) complementado, no ámbito das humanidades, polo índice Scopus®.