Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta porá en marcha este mesmo mes a segunda fase do Plan de recuperación do traballo nos xulgados galegos

O Goberno galego trasladou hoxe o contido do programa aos avogados e aos sindicatos asinantes do acordo que rematou coa folga

Á espera da incorporación dos xuíces, os funcionarios reforzarán a labor nos xulgados de Primeira Instancia, mercantís, sociais e de violencia de xénero
 

  • O Goberno galego trasladou hoxe o contido do programa aos avogados e aos sindicatos asinantes do acordo que rematou coa folga
  • O Goberno galego trasladou hoxe o contido do programa aos avogados e aos sindicatos asinantes do acordo que rematou coa folga

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2018.- O Goberno galego ten previsto poñer en marcha ao longo deste mes de outubro, tal e como tiña comprometido, a segunda fase do plan de recuperación do traballo nos xulgados galegos. Así se puxo de manifesto tanto no encontro que mantivo hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos avogados galegos, como na reunión que celebraron representantes da Consellería de Presidencia cos sindicatos asinantes do acordo que rematou coa folga.

Á espera de que coñecer o número de xuíces e letrados que se incorporen ao plan de recuperación, a Xunta dará comezo a segunda fase nas vindeiras semanas, centrándose especialmente nas unidades das cidades onde se detectou que era máis necesario, despois de recabar os datos e informacións facilitadas por Consello Xeral do Poder Xudicial, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fiscalía e os secretarios coordinadores.

Concretamente, nesta segunda fase que arrincará de inmediato, os funcionarios reforzarán o traballo especialmente nos xulgados de Primeira Instancia, nos Sociais, nos Mercantís e nos exclusivos de Violencia sobre a Muller. En total, serán arredor dun cento de unidades xudiciais nas que se prevé comezar co plan o máis axiña posible. Antes de que remate o ano actuarase tamén en xulgados situados en vilas e na xurisdición penal, e posteriormente en órganos colexiados, sempre de acordo cos datos facilitados polos órganos de goberno dos xuíces, dos fiscais, polos letrados da Administración de Xustiza e pola comisión na que están os sindicatos asinantes do acordo.

Hai que recordar que nada máis rematar a folga, ao longo do mes de xuño e xullo, a Xunta xa levou a cabo a primeira fase do plan, centrada en desatascar o traballo nos servizos de rexistro e reparto, en notificacións e embargos e nos rexistros civís, así como na Fiscalía. Para esta segunda fase, na que é imprescindible a implicación de todos, a Xunta logrou o compromiso do Ministerio de Xustiza de colaborar para financiar a participación no plan de xuíces, fiscais e letrados ao servizo da Administración de Xustiza.

A Xunta xa sinalou que é imprescindible a súa participación para poder levar a cabo esta segunda fase de recuperación de traballo nos xulgados galegos. Á espera de coñecer cantos participan finalmente no plan, o Goberno galego iniciará de inmediato -as vindeiras semanas- esta segunda fase coa participación daqueles funcionarios que o desexen daqueles xulgados incluídos nesta fase do plan.