Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta aposta polo emprendemento feminino para construír unha sociedade máis igualitaria e competitiva

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe o I Encontro das emprendedoras do programa ‘Emega’

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2018.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a necesidade de seguir apostando polo emprendemento feminino e o empoderamento económico das mulleres para construír unha sociedade baseada na igualdade entre homes e mulleres e cun tecido produtivo máis competitivo.

Así o destacou hoxe durante a inauguración do I Encontro das emprendedoras do programa Emega, que constitúe unha medida integral de promoción de igualdade no eido laboral e que pretende axudar ás mulleres emprendedoras a materializar as súas ideas empresariais.

O programa Emega conta con catro liñas de actuación específicas. Así, a liña “Emprende” está destinada á posta en marcha de novas empresas; a “Innova”, á promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres; a “Activa”, á reactivación e consolidación de proxectos empresariais; e a “ITEF”, a iniciativas empresariais de base tecnolóxica.

Ademais, existen dúas modalidades de axudas complementarias. Por unha banda, a liña “Concilia”, de apoio á conciliación da vida laboral; e, por outra banda, a “Dual”, para a participación das promotoras en programas de titorización, co obxectivo de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados.