Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta e FEGAMP colaboran para incrementar nun 10% os usuarios da rede CeMIT e ofrecer 35.000 horas de formación dixital en 2019

O Goberno galego achegará este ano preto de 800.000 euros aos centros de referencia da Rede para actividades formativas

A previsión para este ano acadar os 88.000 usuarios grazas ao impulso de actividades dixitais por parte dos máis de 800 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia.

En total, a rede CeMIT conta cun investimento de máis de 1,5 millón de euros para o mantemento das 98 aulas e itinerarios formativos como os destinados á certificación de competencias dixitais, o uso seguro da rede, dos servizos dixitais, a robótica, programación ou o pilotaxe de drons

  • A Xunta e FEGAMP colaboran para incrementar nun 10% os usuarios da rede CeMIT e ofrecer 35.000 horas de formación dixital en 2019

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2019.- A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) colaborarán por sexto ano consecutivo para facilitar que a capacitación dixital pública e gratuíta chegue a todos os galegos a través das actividades da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de aulas de aulas (CeMIT).

Así se recolle nun convenio, asinado esta semana pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a FEGAMP para xestionar a subvención, entrega e distribución dos fondos públicos ás entidades locais para realizar actividades dixitais, a través da Rede CeMIT.

Investimento

Ao longo do ano 2019 a Amtega destinará máis de 1,5 millóns de euros a desenvolver actividades do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 nas aulas da rede CeMIT, así como ao mantemento das infraestruturas dos centros e a mellora das ferramentas de xestión.

En concreto, achegarase ás entidades municipais a través da FEGAMP 789.522 euros para realizar actuacións en materia de inclusión dixital nas 64 aulas CeMIT consideradas de referencia. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondendo ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes unha subvención de 15.000€ e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251€.

Pola súa banda, a FEGAMP continuará prestando un papel fundamental como canle de comunicación coas entidades locais galegas e será a encargada de transferirlles as correspondentes subvencións.

Obxectivos 2019

O obxectivo final da Rede CeMIT é acadar que a cidadanía acceda ao mundo dixital, e dotar aos galegos e galegas das capacidades e habilidades dixitais necesarias para facer pleno uso das TIC e aumentar a súa calidade de vida, a empregabilidade, a inserción social e a innovación social dixital.

Dado o bo resultado acadado en 2018, coa colaboración dos máis de 800 aliados dixitais, a Xunta busca en 2019 continuar garantindo e ampliando a capilaridade e universalidade destes servizos de capacitación dixital promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para acadar unha maior variedade de temáticas e actuacións en materia de inclusión dixital en todo o territorio galego.

Concretamente, en 2019 está previsto que a Rede imparta máis de 35.000 horas formativas no eido dixital e acade os 88.000 usuarios e usuarias.

Tamén fomentarase a certificación de competencias dixitais e o desenvolvemento de actividades como o uso seguro da rede, o manexo da administración electrónica, a robótica e programación ou o pilotaxe de drons, co fin de dar resposta ás necesidades dunha Galicia dixital.

Máis formación, máis uso da rede

O incremento de servizos dixitais deber ir acompañado de accións formativas e divulgativas que dinamicen o seu uso. Estas medidas repercutiron nun avance en materia de sociedade dixital. O poñen de manifesto os incrementos rexistrados durante o período 2011-2018. Por exemplo o uso de internet en Galicia pasou do 58% ao 80,4%, medrando 22,4 puntos, quinto mellor incremento de España.

A franxa de 45 a 54 anos achégase xa ao 90% cando en 2011 apenas superaba o 50% e no caso concreto da franxa de 55 a 64 anos, pasou do 26% ao 64,8%, medrando nun 149%, segundo mellor incremento de España. Entre os 65 e os 74 anos, a cifra chega xa a un 44,2% de uso cando en 2011 apenas un 9,2% das persoas desas idades facía uso da Internet.