Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta informa aos concellos de Lugo da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade, dotada con máis de 5,3 millóns de euros

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicaron as liñas de apoio, que no 2018 supuxeron un investimento de preto de 600.000 euros na provincia

Este ano engádese un novo programa para accións de sensibilización, información e difusión sobre prevención da violencia contra as mulleres
 

Lugo, 12 de febreiro de 2019.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou hoxe en Lugo da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade dirixidas a entidades locais, que incrementa o orzamento con respecto ao ano pasado nun 16% ata superar os 5,3 millóns de euros.

Nunha xuntanza na Delegación Territorial á que asistiron representantes políticos e técnicos dos concellos lucenses, a Xunta deu a coñecer os distintos programas de apoio que no pasado ano supuxeron un investimento de preto de 600.000 euros na provincia (en concreto 593.076 euros) e beneficiaron a 46 concellos lucenses, tanto para proxectos individuais como de xestión compartida.

A nova convocatoria, que vén de publicarse no DOG, incorpora como novidade unha liña de axudas para financiar accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero; está dotada con 800.000 euros.

O importe principal sigue sendo o que se destina ao funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres, 3.411.353 euros en total. Ao abeiro deste programa financiarase o persoal que traballa nos centros, concretamente os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero en relación coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco das actuacións que se desenvolven nos CIM. No caso de Lugo, os 11 centros que funcionan na provincia recibiron o pasado ano máis de 471.000 euros que contribuíron ao mantemento de 28 postos de traballo.

Outra das liñas con maior aceptación é a de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, que conta cun orzamento de 797.065 euros e está enfocada ás medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, coma por exemplo os bancos de tempo. 17 concellos lucenses beneficiáronse desta medida o pasado ano, por unha contía global de 116.728 euros.

Por último, mantense tamén o programa destinado á promoción da igualdade e prevención e tratamento integral da violencia de xénero, cun orzamento de 352.000 euros. Inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; ademais de actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.


Proxectos compartidos

Poden beneficiarse destas achegas todos os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais, constituídos exclusivamente por concellos. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 8 de marzo.

Ao igual que en anos anteriores, darase prioridade aos proxectos de xestión compartida, cun incremento de puntuación e, polo tanto, de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

Con estas subvencións a Xunta pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación e difusión, así como tamén apoiar á Rede de Centros de Información ás Mulleres existentes en Galicia, para contribuír ao obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes.