Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Policía Autonómica leva a cabo 163 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 4 e o 10 de febreiro en 25 concellos galegos un total de 163 inspeccións de control de venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo nesta pasada semana realizáronse 44 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos de A Coruña, A Merca, A Pobra de Trives, Ames, Barro, Boiro, Cangas, Castrelo de Miño, Foz, Lugo, Marín, Miño, Muros, Nigrán, Ourense, Paderne de Allariz, Pontevedra, Porto do Son, Portomarín, Redondela, Ribadavia, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Vigo e Viveiro.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 28 persoas e inspeccionadas 163 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 4 actas de infracción, todas por venda de alcohol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.