Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta organiza un simulacro de cooperación transfronteriza cos corpos de protección e salvamento do Norte de Portugal

O obxectivo é desenvolver o traballo conxunto entre as dúas zonas da fronteira

A simulación dun accidente aéreo foi resolto mediante a cooperación de máis de dez equipos diferentes
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2019.- Galicia mostrou este venres a súa aposta pola cooperación fronteiriza entre entidades de protección civil e rescate nas augas do tramo internacional do río Miño. A través dun simulacro de accidente entre unha aeronave e unha balsa entre Caminha e A Garda, probáronse as melloras nas accións de rescate na que estiveron involucrados o Concello de Caminha, o Exército do Aire, a Garda Civil, os Bombeiros e o Servizo de Gardacostas de Galicia, entre outros.

No simulacro participaron o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto.

Outro obxectivo deste exercicio, enmarcado no proxecto Ariem+, foi comprobar que todas as cadeas de traballo, humanas e materiais, operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes. Este xoves os equipos de mergullo realizaron un adestramento previo que implicou á Policía Marítima, á Armada Española, á Garda Civil e a integrantes de bombeiros de Caminha, O Porriño e A Garda.

Este exercicio idease cunha lóxica territorial, onde os medios e as operacións danse cunha perspectiva de colaboración interrexional, compartindo os actores implicados, o seu coñecemento do terreo e os medios cos que traballan. Este simulacro dá paso a un escenario de repartición de esforzos e recursos entre as dúas rexións. Ademais, sae fortalecido o vínculo e a unión entre todas as organizacións implicadas.