Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Xunta e Deputación da Coruña aproban o modelo de xestión directo dos parques comarcais de bombeiros

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva,participou esta mañá no Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña

A Xunta puxo como condicións que o cambio non supoña un aumento do custe para as arcas autonómicas e que se garantan os dereitos dos traballadores

Mediante este cambio de modelo de xestión, os 10 parques comarcais situados na provincia da Coruña pasan a ser de xestión pública

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González acordaron esta mañá no Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros, aprobar o cambio de modelo de xestión directa dos 10 parques comarcais coruñeses.

Santiago Villanueva explicou que o Goberno galego da o visto bo a este cambio de modelo xa que cúmprese coas condicións da Xunta que hoxe foron refrendadas para que o paso da xestión indirecta á directa non supoña un aumento do custe para as arcas autonómicas e tampouco unha diminución da calidade do servizo prestado ata o de agora. Ademais, os dereitos dos traballadores dos parques comarcais están garantidos.

Cómpre recordar que en 2016 a Xunta estableceu unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais.