Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Xunta e Colexio de Arquitectos de Galicia colaboran para poñer en marcha o concurso de ideas da remodelación interior de San Caetano

Mediante esta colaboración, o Goberno galego será asesorado no procedemento por profesionais que ademais serán os que elixan o mellor proxecto

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o presidente do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para poñer en marcha o concurso de ideas para a remodelación interior do Complexo Administrativo de San Caetano.

Alfonso Rueda indicou que mediante esta colaboración co Colexio, o Goberno galego será asesorado no procedemento por profesionais neste campo que ademais serán eles os que elixan de entre os seus compañeiros o mellor proxecto que ten como finalidade acadar un Complexo Administrativo moderno, con espazos adaptados á realidade actual e que ofreza unhas mellores condicións para os traballadores e facilite unha mellor atención e servizo para os centos de persoas que cada día pasan pola sede da Xunta en Santiago de Compostela.

Nesta liña, coa premisa de garantir o mellor proxecto, convocarase de inmediato, en colaboración co Colexio, un concurso de ideas con xurado. O gañador será o encargado de redactar o proxecto e dirixir a obra, a través dun contrato de 860.000 euros. Os galardoados cos segundos e terceiro premio, ou con algún dos tres accésits, tamén contarán cun premio

O concurso valorará especialmente unha serie de requisitos, como aproveitar a luz natural e priorizar as zonas diáfanas; que se leve a cabo en fases para permitir seguir a traballar no complexo; que se garanta a accesibilidade; que os espazos sexan flexibles; que se aproveiten as instalacións xa existentes e que haxa un bo sistema de arquivo de documentación, entre outras cuestións.

Composición xurado

O xurado terá como presidenta, á secretaria xeral técnica da Vicepresidencia da Xunta e como secretaria ao titular da subdirección xeral de Xestión Económico - Administrativa da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia. Como vogais formarán parte o titular da xefatura de servizo de obras e proxectos da consellería de Presidencia, dous arquitectos propostos pola consellería de Infraestruturas e Mobilidade e polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, un arquitecto elixido a proposta dos concursantes e dous arquitectos en representación do COAG. Ademais haberá un representante da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e un representante da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta.