Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta e o Concello de Ourense colaboran no mantemento do Centro de Información á Muller e a Casa de Acollida

O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou este mediodía o centro ourensán, que o ano pasado atendeu a 281 persoas e resolveu 1.283 consultas

Nos últimos sete anos, a Xunta achegou máis de 250.000 euros ao CIM

O Goberno galego achegará este ano 46.500 euros para o mantemento da casa de acollida da cidade, unha das cinco que configuran a Rede galega de acollemento

  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou este mediodía o centro ourensán, que o ano pasado atendeu a 281 persoas e resolveu 1.283 consultas
  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou este mediodía o centro ourensán, que o ano pasado atendeu a 281 persoas e resolveu 1.283 consultas
  • O vicepresidente, Alfonso Rueda, visitou este mediodía o centro ourensán, que o ano pasado atendeu a 281 persoas e resolveu 1.283 consultas

Ourense, 1 de marzo de 2016.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou este mediodía o Centro de Información á Muller de Ourense, no que o Goberno galego leva investidos máis de 250.000 euros nos últimos sete anos. Na visita tamén participaron a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da localidade, Jesús Vázquez.

Ao longo do ano pasado, o Centro de Información á Muller da Cidade das Burgas atendeu a 281 persoas e recibiu 1.283 consultas. O Centro conta cunha directora que ademais exerce como asesora psicolóxica, unha asesora xurídica tres auxiliares administrativas.

Ademais, desde 2009 o Concello de Ourense recibiu 58.000 euros a través da convocatoria anual para entidades locais da Secretaría Xeral da Igualdade e que teñen permitido, entre outras cousas, levar a cabo distintos programas de conciliación, promoción da igualdade e prevención e sensibilización contra a lacra da violencia de xénero.

Ourense está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra os agresores.

Apoio á casa de acollida
Outro asunto que se abordou durante esta visita institucional ao CIM foi o apoio á casa de acollida de Ourense que, un ano máis, recibirá unha axuda de 46.500 euros a través do convenio de colaboración que a Xunta asina co concello para para o mantemento do centro. Despois desta achega, a casa de acollida ourensá terá recibido máis de medio millón de euros no período 2006-2016.

En 2015 o centro tivo 45 usuario/as: 22 mulleres e 23 menores. O perfil maioritario das usuarias deste centro son mulleres estranxeiras (63 por cento) de idades comprendida entre os 26 e os 35 anos (45 por cento).

Rede galega de acollemento
Ante a situación de indefensión en que se atopan moitas mulleres en situación de violencia de xénero, nalgúns casos con grave perigo para elas e os seus fillos e as súas fillas, a Xunta de Galicia ten articulada unha rede de casas de acollida para mulleres maltratadas, cunha conexión entre elas, de tal xeito que as mulleres galegas que o precisen, por atoparse na referida situación de indefensión, teñan un lugar de referencia onde acudir.

En Galicia existen cinco casas de acollida: Coruña, Ferrol, Culleredo, Lugo e Ourense: que en colaboración cos concellos e outras institucións prestan este servizo dirixido a mulleres que sofren malos tratos e ás súas fillas e aos seus fillos, co obxecto de que dispoñan dun tempo e un espazo no que poidan reorientar a súa situación persoal, facilitándolles as ferramentas elementais, tanto económicas coma psicosociais. O ano pasado o número total de persoas usuarias destes cinco centros foi 160: 82 mulleres e 78 menores.

Os cinco centros de acollida, que no seu conxunto configuran a rede galega de acollemento, son recursos especializados residenciais e temporais que ofrecen acollida, atención e recuperación ás mulleres que sofren violencia de xénero e ás e aos menores ao seu cargo que requiren dun espazo de atención e protección debido a situación de indefensión ou risco debido a situación de violencia de xénero.

Están atendidos por equipos multidisciplinares que dan cobertura integral de atención e/ou recuperación: atención psicolóxica, educativa, sociolaboral, xurídica así como o favorecemento da normalización da situación persoal das mulleres, da súa unidade persoal e a superación dos efectos da violencia de xénero.