Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A directora xeral de Xuventude reuniuse coas dúas mozas de Letonia e Italia que están a desenvolver un proxecto no Concello de Ribadavia

O Servizo Voluntario Europeo aprobou preto dunha vintena de proxectos en 2015 cun orzamento de 356.114 euros

En Galicia acollen voluntarios europeos 16 concellos e 47 entidades sen ánimo de lucro

O proxecto de Ribadavia do programa ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’ conta cun orzamento de 15.874,66 euros

Ribadavia (Ourense), 29 de marzo de 2016.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe coas dúas mozas de Letonia e Italia que están a desenvolver un proxecto de Servizo Voluntario Europeo de doce meses de duración no Concello de Ribadavia. Este proxecto foi aprobado na segunda quenda da convocatoria do 2015 do programa ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’ e conta cun orzamento de 15.874,66 euros. En 2015 foron aprobados un total de 19 proxectos de Servizo Voluntario Europeo, nos que participan 66 mozos e mozas cun orzamento conxunto de 356.114 euros.

O Servizo Voluntario Europeo enmárcase na liña estratéxica de mobilidade dos mozos e mozas. Ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas.

Creado no 1996 pola Comisión Europea como programa piloto, os 20 anos do Servizo Voluntario Europeo permitiron a máis de 100.000 mozos e mozas de 17 a 30 anos realizar os proxecto de voluntariado cunha duración de entre 2 e 12 meses. As entidades que poden participar nos proxectos de Servizo Voluntario Europeo son as asociacións sen ánimo de lucro, os organismos públicos e as empresas con responsabilidade social cooperativa. Na actualidade, en Galicia teñen a acreditación para participar en proxectos de Servizo Voluntario Europeo 16 concellos e 47 entidades sen ánimo de lucro.

Cecilia Vázquez agradeceu a participación das dúas mozas neste proxecto e sinalou que “o Servizo Voluntario Europeo ofrece á xuventude unha experiencia de educación non formal, de voluntariado e de mobilidade, que fomenta a adquisición de competencias, aptitudes e habilidades para o desenvolvemento persoal, educativo e profesional dos mozos”.

Tema: Xuventude
Departamento: C. de Política Social