Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta promove a igualdade e a loita contra a violencia de xénero nos centros sociomunitarios

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe en Baiona unha das actividades organizadas no marco do programa ‘Igual a nós’

  • A Xunta promove a igualdade e a loita contra a violencia de xénero nos centros sociomunitarios
  • A Xunta promove a igualdade e a loita contra a violencia de xénero nos centros sociomunitarios
  • A Xunta promove a igualdade e a loita contra a violencia de xénero nos centros sociomunitarios

Baiona (Pontevedra), 9 de xaneiro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe no centro sociocomunitario de Baiona unha das actividades organizadas no marco do programa Igual a nós, que ten como obxectivo promover a igualdade e a loita contra a violencia de xénero entre as persoas usuarias destas instalacións.

No acto tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado; e o alcalde da localidade, Ángel Rodal.

O programa Igual a nós estase desenvolvendo en 30 centros sociocomunitarios de Galicia coa finalidade de promover a educación en igualdade e fomentar a participación social.

A actividade consiste nunha representación teatral sobre temas relacionados coa desigualdade entre homes e mulleres, os estereotipos e a violencia de xénero. Os conceptos que se abordan na escena son despois tratados con máis profundidade nunha charla sobre estes asuntos.

Esta iniciativa inscríbese no compromiso do Goberno galego coa igualdade e a erradicación da violencia contra a muller, obxectivos nos que a prevención e sensibilización xogan un papel fundamental. Por iso, estanse levando a cabo iniciativas como esta, e tamén outras no ámbito educativo, laboral ou veciñal.

Ademais, cómpre recordar que Galicia conta cun amplo abano de recursos de apoio para mulleres maltratadas, como axudas económicas; asesoramento laboral e legal; ou apoio psicolóxico. A isto súmase outras novas medidas que se van poñer en marcha ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, como as axudas para a contratación de mulleres maltratadas ou de acceso á vivenda; ou recursos de apoio para menores orfos por causa da violencia contra a muller.