Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

O DOG publica a convocatoria de axudas destinadas a proxectos de atención integral para vítimas de explotación sexual e trata

As axudas están dirixidas a subvencionar proxectos coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral

Contan cun orzamento de 450.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 70.000 euros
 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2019.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, que contan cun orzamento de 450.000 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

As axudas están dirixidas a subvencionar proxectos de atención integral coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral a través de accións de atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos; asesoramento social e actuacións de apoio directo; atención psicolóxica; asesoramento xurídico; orientación e asesoramento laboral e atención e asesoramento de traballo de rúa a vítimas de trata de seres humanos.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir de hoxe e a presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Entidades beneficiarias

Poden ser destinatarias das subvencións reguladas na convocatoria, as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais; carezan de ánimo de lucro e teñan o seu domicilio social ou delegación en Galicia. O importe máximo de cada axuda será de 70.000 euros.