Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta reforza a seguridade dos xulgados de Cangas con novas cámaras e sistemas de gravación

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe as instalacións para comprobar as melloras realizadas

A actuación inscríbese nun plan de mellora da seguridade das instalacións xudiciais galegas
 

Cangas (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2019.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín,visitou hoxe os xulgados de Cangas para coñecer de primeira man as melloras acometidas pola Xunta para mellorar a seguridade destas instalacións. En concreto, instaláronse 12 novas cámaras, 1 monitor de 32 polgadas, 1 gravador, 2 discos duros, 1 Sistema de Alimentación Ininterrompida (SAI) e todo o equipamento necesario para que funcione correctamente.

Esta instalación de novos sistemas de vixilancia inscríbese nun Plan de reforzo e mellora da seguridade dos edificios xudiciais de Galicia, que abordou na súa primeira fase a instalación de sistemas vixilancia nos edificios xudiciais das cidades, e naqueles partidos xudiciais que conta cun número maior de órganos. A partir de 2019, abordaranse novos investimentos nos edificios restantes e iniciarase, de modo escalonado, a instalación de escáners e arcos detectores nos edificios que carecen deles.

A Xunta está a realizar un esforzo moi importante para mellorar os recursos que están a disposición da Administración de Xustiza en Galicia. Así, en 2010 aprobou un ambicioso Plan de infraestruturas xudiciais, que supuxo o investimento de preto de 100 millóns de euros para acometer tanto grandes proxectos como outras obras, de menor magnitude, pero moi relevantes de cara a mellora das instalacións.

Agora, o Goberno galego está a completar este Plan cun proxecto de renovación do mobiliario, que ten previsto un investimento duns 5 millóns de euros entre 2019 e 2021; e co proxecto de mellora da seguridade nos edificios xudiciais, que inclúe actuacións como a visitada hoxe en Cangas.