Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta informa aos concellos da área territorial de Vigo da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade

A Secretaria Xeral de Igualdade destinará este ano máis de 5,3 millóns de euros para a posta en marcha de distintos programas por parte das entidades locais de Galicia

A convocatoria engloba o fomento da conciliación, promoción da igualdade a prevención e tratamento da violencia de xénero e o apoio aos centros de información á muller

Poderán ser beneficiarios os concellos, agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades e consorcios locais da Comunidade

  • A Xunta informa aos concellos da área territorial de Vigo da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade
  • A Xunta informa aos concellos da área territorial de Vigo da nova convocatoria de axudas para a promoción da igualdade

Vigo, 11 de febreiro de 2019.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou hoxe aos representantes municipais da área territorial de Vigo da nova convocatoria de axudas ás entidades locais para a promoción da igualdade, de forma individual e xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. O Goberno galego destinará a este programa máis de 5,3 millóns de euros.

Durante a súa intervención, López Abella referiuse ao ámbito municipal, “pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación”, como o idóneo para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para o establecemento das condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Ao fío, a secretaria xeral remarcou o obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes.

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta convocatoria da que poderán beneficiarse os concellos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Con estas subvencións a Xunta pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación e difusión, así como tamén apoiar á Rede de Centros de Información ás Mulleres existentes en Galicia.

Ao igual que en anos anteriores, darase prioridade aos proxectos de xestión compartida, cun incremento de puntuación e, polo tanto, de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de axudas.

A liña destinada á promoción da igualdade e prevención e tratamento integral da violencia de xénero, cun orzamento de 352.000 euros, inclúe accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e coas persoas dependentes das vítimas; ademais de actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.

En canto a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, cun orzamento de 797.065 euros, está enfocada ás medidas que os concellos adopten coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, coma por exemplo os bancos de tempo.

Respecto ao programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres está dotado con 800.000 euros, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Axudas aos CIM

O Goberno galego destina para o funcionamento dos Centros de Información ás Mulleres un total de 3.411.353 euros. Ao abeiro deste programa financiarase o persoal que traballa nos centros, concretamente os postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero en relación coa atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco das actuacións que se desenvolven nos CIM.