Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

Un proxecto didáctico cos Bolechas como protagonistas formará aos máis pequenos no correcto uso do teléfono 112 de atención ás emerxencias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na presentación do proxecto, que arranca hoxe, con motivo do Día Europeo do 112

Os Bolechas serán os encargados de difundir entre a cidadanía galega, e especificamente entre a comunidade escolar, o traballo do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE)

Trátase de que os nenos coñezan o número 112, pero tamén en que circunstancias pode e debe utilizarse, así como consellos básicos de axuda en calquera emerxencia

  • Alfonso Rueda, na presentación do proxecto
  • Alfonso Rueda, na presentación do proxecto
  • Un instante da presentación do proxecto

A Estrada (Pontevedra), 11 de febreiro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación do novo proxecto didáctico cos Bolechas como protagonistas que formará aos máis pequenos no correcto uso do teléfono 112 de atención ás emerxencias.

Esta mañá, na sede do CIAE 112 Galicia, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e do xerente da Axega, Marcos Araújo, xunto aos Bolechas, explicáronlles aos escolares galegos que participaron no acto a necesidade de coñecer o teléfono pero tamén en que circunstancias pode, e debe, utilizarse. Tamén incidiron noutros consellos básicos de axuda en calquera emerxencia que todas as nenas e nenos deben coñecer, como a dirección da casa e daqueles lugares nos que pasan tempo acotío como poden ser a casa dos avós ou a escola. Isto axudará en caso de ter que explicar onde están se deben pedir axuda.

Precisamente para concienciar e sensibilizar a toda a sociedade, e xa desde as novas xeracións, no bo uso do teléfono de emerxencias 112, a Xunta pon en marcha este proxecto didáctico cos Bolechas como protagonistas que se desenvolverá ao longo de todo este ano 2019. Trátase dun completo programa destinado tanto a colexios como ao ámbito familiar que inclúe guías didácticas, cadernos de traballo e material dixital e audiovisual para dar a coñecer ben o 112.

A primeira proposta é un audiovisual que se presentou hoxe e que permite achegarse de forma rápida a todo o traballo da Axega. Montado en formato BraulioTuber, permite coñecer en menos de 10 minutos tanto os medios dispoñibles en Galicia para actuar ante unha emerxencia como o propio proceso de actuación dos diversos corpos encargados da nosa seguridade e o papel da cidadanía ante unha situación de emerxencia: desde saber que é unha emerxencia e cando debemos chamar ao 112 ata consellos para poder informar correctamente nunha urxencia.

Tanto este primeiro audiovisual como o resto de materiais deste proxecto serán usados pola Axega en diversas accións destinadas ao ámbito escolar co fin de mellorar o coñecemento sobre o seu traballo, ensinar á cidadanía a comportarse correctamente diante dunha emerxencia e sensibilizar no bo uso do teléfono 112.