Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta destaca a seguridade como un dos valores engadidos de Galicia como destino turístico

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico, participaron hoxe nunha mesa de debate no marco do III Fórum do Camiño de Santiago Farway

  • Santiago Villanueva, no fórum Farway
  • Santiago Villanueva, no fórum Farway
  • Santiago Villanueva, no fórum Farway

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2019.- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico, participaron hoxe nunha mesa de debate sobre a seguridade no Camiño de Santiago, onde destacaron a seguridade como un dos valores engadidos de Galicia como destino turístico. A mesa tamén contou coa presenza dos representantes de distintos corpos e forzas de seguridade que traballan en Galicia.

A seguridade, a asistencia sanitaria e a atención ás emerxencias no Camiño de Santiago son eixos de traballo fundamentais para a Xunta, tal e como establece o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021.

Neste ámbito, resulta fundamental a coordinación entre os distintos corpos de seguridade estatais, autonómicos e locais, que xa veñen traballando conxuntamente nos últimos anos.

Ademais do esencial labor dos distintos corpos e forzas de seguridade profesionais, o voluntariado de Protección Civil está tamén implicado na atención aos camiñantes, en coordinación coa Dirección xeral de Emerxencias e Interior. Do mesmo xeito, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 exerce un rol fundamental na coordinación e mobilización ante calquera tipo de incidencia, ademais de dispoñer dun servizo de xeolocalización e de distintos idiomas na atención de chamadas.

Isto é, a seguridade e a atención ás emerxencias no Camiño está cuberta por un amplo abano de dispositivos e corpos de seguridade que traballan en coordinación. Con todo, para un eficaz funcionamento deste sistema, tamén é fundamental a información que se lle proporciona ao peregrino sobre os recursos á súa disposición. Por iso, elaborouse unha Guía para situacións de emerxencias que xa está sendo distribuída.

Cómpre destacar, ademais, que en 2021 estará en marcha un Plan de atención ao peregrino (PAP) específico, ao igual que se leva facendo en todos os anos Xacobeo desde 1993. O PAP busca proporcionar a atención continua in situ que poidan demandar as situacións de emerxencia ao longo das distintas rutas xacobeas mediante os distintos dispositivos de atención; así como prever os operativos de protección civil necesarios onde ser prevean grandes concentracións de persoas. Este Plan conta cun comité de seguimento e avaliación onde están representados todos os colectivos afectados.