Estás en: Portada / Sala de comunicacións / Actualidade

A Xunta reafirma o seu apoio ás agrupacións de Protección Civil coa firma de catro convenios de colaboración

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reuniuse hoxe con representantes das asociacións provinciais de Protección Civil

O obxecto é colaborar en accións de prevención, promoción, divulgación, información, formación e socorro

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reafirmou esta mañá o compromiso da Xunta coas asociacións provinciais de Protección Civil. Asináronse catro convenios de colaboración individualizados para cada Asociación Provincial (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra).

A Xunta continúa así na súa liña de colaborar nas accións de prevención, promoción, divulgación, información, formación e socorro en materia de Protección Civil. Así mesmo, o Goberno galego busca tamén contribuír á concienciación da poboación sobre o importante labor que leva a cabo este persoal voluntario.

Inclúense ademais no convenio axudas para a realización de actividades de autoprotección e de formación do persoal voluntario do corpo, así como na organización e realización de operativos, exercicios e simulacros. Na mesma liña traballarase no desenvolvemento dos plans territoriais Protección Civil, participando activamente nas campañas planificadas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e colaborando cos parques de bombeiros locais ou comarcais e cos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).