Destinatarios

En desenvolvemento do referido artigo 119 da Constitución, o día 10 de xaneiro de 1996 aprobouse a Lei de asistencia xurídica gratuíta, modificada parcialmente polo Real decreto lei 3/2013, do 22 de febreiro. Segundo o artigo 2 desta norma, teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta:

  • Os cidadáns españois, os nacionais dos demais Estados membros da Unión Europea e os estranxeiros que se encontren en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.
  • As entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social, en todo caso.
  • As seguintes persoas xurídicas, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar:
  • Na orde xurisdicional social, ademais, os traballadores e beneficiarios do sistema de Seguridade Social, tanto para a defensa en xuízo coma para o exercicio de accións para a efectividade dos dereitos laborais nos procedementos concursais. Así mesmo, o dereito á asistencia xurídica gratuíta recoñéceselles aos traballadores e beneficiarios da Seguridade Social para os litixios que sobre esta materia se tramiten ante a orde contencioso-administrativa.
  • Na orde contencioso-administrativa, así como na vía administrativa previa, os cidadáns estranxeiros que acrediten insuficiencia de recursos para litigar terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuíta nos procedementos que poidan levar á denegación da súa entrada en España, á súa devolución ou expulsión do territorio español, así como en todos os procedementos en materia de asilo.
  • Nos litixios transfronteirizos  en materia civil e mercantil, as persoas físicas contempladas no capítulo VIII da lei, nos termos que nel se establecen.
  • Con independencia da existencia de recursos para litigar, recoñéceselles o dereito de asistencia xurídica gratuíta –que se lles prestará de inmediato– ás vítimas de violencia de xénero, de terrorismo e de tráfico de seres humanos naqueles procesos que teñan vinculación, deriven ou sexan consecuencia da súa condición de vítimas, así como aos menores de idade e ás persoas con discapacidade psíquica cando sexan vítimas de situacións de abuso ou maltrato. Este dereito asistiralles tamén aos herdeiros no caso de falecemento da vítima, sempre que non fosen os agresores.
    Para os efectos da concesión do beneficio de xustiza gratuíta, a condición de vítima adquirirase cando se formule denuncia ou querela, ou se inicie un procedemento penal, por algún dos delitos a que se refire este apartado, e manterase mentres permaneza en vigor o procedemento penal ou cando tras a súa finalización se dite unha sentenza condenatoria. O beneficio da xustiza gratuíta perderase no caso de sentenza absolutoria firme ou de arquivamento firme do procedemento penal, sen a obriga de aboar o custo das prestacións gozadas gratuitamente ata ese momento.
  • Tamén con independencia da existencia de recursos para litigar, recoñéceselle o dereito de asistencia xurídica gratuíta a quen por mor dun accidente acredite secuelas permanentes que lle impidan totalmente a realización das tarefas da súa ocupación laboral ou profesional habitual e requira a axuda doutras persoas para realizar as actividades máis esenciais da vida diaria, cando o obxecto do litixio sexa a reclamación de indemnización polos danos persoais e morais sufridos.