Estás en: Portada / Organización / Direccións Xerais / Dirección Xeral de Xustiza / Servizos / Asistencia xurídica gratuíta / Insuficiencia de recursos para litigar

Insuficiencia de recursos para litigar

Teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas físicas que carecendo de patrimonio suficiente, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes límites (art. 3 da lei):

  • Dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas non integradas nunha unidade familiar.
  • Dúas veces e media o IPREM vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas integradas nalgunha das modalidades de unidade familiar con menos de catro membros.
  • O triplo do dito indicador, cando se trate de unidades familiares integradas por catro ou máis membros.

No caso das persoas xurídicas referidas no apartado c) do artigo 2 da lei, considérase que existe insuficiencia de recursos cando carecendo de patrimonio suficiente, o resultado contable da entidade en cómputo anual fose inferior á cantidade equivalente ao triplo do IPREM.

Ademais dos ingresos ou rendas e doutros bens patrimoniais ou circunstancias que declare o solicitante, teranse tamén en conta os signos externosque manifesten a súa real capacidade económica, co que se denegará o dereito á asistencia xurídica gratuíta se os ditos signos, desmentindo a declaración do solicitante, revelan con evidencia que este dispón de medios económicos que superan o límite fixado pola lei. Para valorar a existencia de patrimonio suficiente terase en conta a titularidade de bens inmobles, sempre que non constitúan a vivenda habitual do solicitante, así como os rendementos do capital mobiliario (art. 4 da lei).

Excepcionalmente, e en atención ás circunstancias de familia do solicitante, ao número de fillos ou familiares ao seu cargo, ás taxas xudiciais e a outros custos derivados da iniciación do proceso, ou a outras de análoga natureza, todas elas obxectivamente avaliadas, e en todo caso cando o solicitante teña a condición de ascendente dunha familia numerosa de categoría especial, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, ou se fose o caso a súa delegación, poderalles conceder o dito dereito, mediante resolución motivada, a aquelas persoas cuxos recursos ou ingresos, inda superando os límites previstos no artigo 3, non excedan do quíntuplo do IPREM, tendo en conta ademais a carencia de patrimonio suficiente.

Nas mesmas condicións anteriores poderá recoñecerse o dereito á asistencia xurídica gratuíta atendendo ás circunstancias de saúde do solicitante e ás persoas con discapacidade, así como ás persoas que os teñan ao seu cargo cando actúen nun proceso no seu nome e interese, sempre que se trata de procedementos que teñan relación coas circunstancias de saúde ou discapacidade que motivan este recoñecemento excepcional.

Nestes casos hai que ter en conta que a resolución que adopte a comisión ou a súa delegación determinará expresamente que prestacións das recollidas no artigo 6 da lei lle son de aplicación ao solicitante (artigo 5 da lei).

O indicador público de renda para efectos múltiples (IPREM) foi establecido polo Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, e substitúe nesta función o salario mínimo interprofesional. Segundo a disposición adicional 80ª da Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014, pola que se determina o IPREM para 2014, durante o dito exercicio terase como IPREM unha contía anual de 6.390,13 euros para os efectos da Lei de asistencia xurídica gratuíta.