Preguntas frecuentes

  • A que dá dereito o recoñecemento da asistencia xurídica gratuíta?

    A concesión do dereito permite ao cidadán gozar, principalmente de:

    • Asesoramento gratuíto previo ao proceso aos que pretendan reclamar a tutela xudicial dos seus dereitos ou analizar a viabilidade da pretensión.
    • Asistencia de avogado ao detido ou preso para calquera dilixencia policial ou na súa primeira comparecencia ante un órgano xurisdicional.
    • Defensa e representación gratuítas por avogado e procurador no procedemento xudicial.
    • Inserción gratuíta de anuncios ou edictos, no curso do proceso, que preceptivamente deban publicarse en xornais oficiais.
    • Exención do pagamento de depósitos necesarios para a interposición de recursos.
    • Asistencia pericial gratuíta no proceso a cargo do persoal técnico adscrito aos órganos xurisdicionais ou servizos técnicos dependentes das Administracións públicas.
    • Obtención gratuíta de copias, testemuños, instrumentos e actas notariais cando teñan relación directa co proceso
    • Redución do 80% dos dereitos arancelarios que correspondan polo outorgamento de escrituras públicas cando teñan relación directa co proceso...

    Estes beneficios estenderanse á execución da sentenza e á apelación do litixio en segunda instancia por outro tribunal, sempre que se trate do mesmo proceso xudicial.

  • Cabe algunha actuación no suposto de denegación do dereito ou non conformidade coa concesión da asistencia xurídica gratuíta?

    Si, poderán impugnar as resolucións de concesión ou denegación do dereito á asistencia xurídica gratuíta, todas aquelas persoas que teñan un interese lexítimo e realicen a impugnación no prazo de 5 días ante a secretaria da comisión de asistencia xurídica gratuíta que ditou a resolución, a comisión remitirá o expediente ao xulgado ou ao tribunal competente para que este resolva. Ver procedemento PR204B - Impugnación da resolución da comisión de asistencia xurídica gratuíta.

    O xuíz ou tribunal, recibido o escrito de impugnación e a documentación, citará a unha comparecencia ás partes e á avogacía da comunidade autónoma ou do estado e, tras oílos e practicar a proba que estime pertinente, ditará un auto mantendo ou revogando a resolución impugnada. Contra o devandito auto non caberá recurso ningún.

  • En que supostos pode un estranxeiro obter o beneficio da asistencia xurídica gratuíta?

    Os estranxeiros que soliciten o beneficio da asistencia xurídica gratuíta, ademais de cumprir os requisitos xerais, deben estar comprendidos nalgún dos seguintes supostos:

    • Ser residentes legais en España.
    • Sendo residentes ilegais, terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuítas na orde xurisdicional penal e na orde contenciosa-administrativa así como na vía administrativa previa en todos aqueles procesos relativos á súa solicitude de asilo.
  • No suposto de necesidade de emendar algún documento ou deficiencia, cal é o procedemento?

    En caso de que o colexio de avogados estime que na solicitude existan deficiencias ou que a documentación presentada resulta insuficiente, comunicarallo ao interesado para que a aclare ou complete no prazo de 10 días.

    Así mesmo, unha vez recibido o expediente pola comisión de xustiza gratuíta competente, se estima que se debe achegar documentación complementaria, poderá acordar o seu requirimento á persoa interesada para que no prazo de dez días achegue os datos e documentos que considere imprescindibles para valorar a solicitude.

  • Onde se pode realizar a solicitude do dereito á asistencia xurídica gratuíta?

    O recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta instarase polos solicitantes ante o colexio de avogados do lugar en que se ache o xulgado ou tribunal que haxa de coñecer do proceso principal para o que aquel se solicita, ou ante o xulgado do seu domicilio. Neste último caso, o órgano xudicial dará traslado da petición ao colexio de avogados territorialmente competente.

    Os impresos de solicitude facilitaranse nas oficinas xudiciais, nos servizos de orientación xurídica dos colexios de avogados e na propia sede das comisións de asistencia xurídica gratuíta. Tamén se pode descargar o modelo da solicitude a través deste portal.

    A solicitude inicial realizarase mediante o modelo normalizado de escrito, que se cumprimentará na súa integridade, asinarase polo peticionario e entregarase nos lugares antes indicados.

  • Que función teñen os servizos de orientación xurídica?

    Os servizos de orientación xurídica (SOX) dependen dos diferentes colexios de avogados de Galicia e teñen a principal función de informar, asesorar e facilitar o acceso dos interesados ao dereito de asistencia xurídica gratuíta. En tal sentido, realizarán os seguintes labores:

    • Facilitar información sobre requisitos necesarios para a obtención do dereito de xustiza gratuíta.
    • Proporcionar os impresos de solicitude do dereito e informar sobre a súa correcta cumprimentación.
    • Ofrecer asesoramento aos interesados sobre a viabilidade das súas pretensións.
    • Requirir a documentación preceptiva e a emenda de deficiencias.
    • Realizar a tramitación das solicitudes á comisión de asistencia xurídica gratuíta correspondente.
    • Xestionar e coordinar cos colexios de procuradores e de avogados as designacións de avogado e procurador de oficio.
  • Quen concede ou denega a asistencia xurídica gratuíta?

    Este dereito será concedido ou denegado pola comisión de asistencia xurídica gratuíta territorial competente. Unha vez que esta efectúe as comprobacións correspondentes, ditará resolución, recoñecendo ou denegando o dereito á asistencia xurídica gratuíta.

    As comisións de asistencia xurídica gratuíta (CAGJ), son órganos administrativos nos que están representados a Xunta de Galicia, a Fiscalía e os colexios de avogados e de procuradores de Galicia.

    En Galicia están constituídas sete comisións: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

  • Quen realiza o pagamento dos honorarios do avogado e procurador de oficio?

    O pagamento dos servizos profesionais prestados polos avogados e procuradores correspondentes de oficio en materia de xustiza gratuíta é asumido pola Xunta de Galicia, a través do órgano competente en materia de xustiza.

    O gasto será a cargo do presuposto anual establecido para prestar o servizo público da asistencia xurídica gratuíta.

  • Que requisitos debe cumprir un solicitante de asistencia xurídica gratuíta?

    Ser cidadán español, nacional dun dos demais estados membros da Unión Europea ou estranxeiro que se encontre en España.

    Acreditar insuficiencia de recursos para litigar:

    Teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas físicas que carecendo de patrimonio suficiente, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes límites (art. 3 da lei):

    • Dúas veces o IPREM (12.780,26 €): unha persoa non integrada nunha unidade familiar.
    • Dúas veces e media o IPREM (15.975,33 €): unidade familiar de 2 ou 3 persoas.
    • O triplo do IPREM (19.170,39 €): unidade familiar integrada por 4 ou máis membros.

    As contías anteriores están calculadas para o IPREM de 6.390,13 € fixado para o ano 2013 na lei de orzamentos xerais do estado para dito período.

    Esta regra xeral ten algunhas excepcións como as circunstancias familiares, ser vítima de violencia de xénero, ter minusvalía, ser persoa xurídica...en cuxo caso se establecerán outros criterios.

  • Que sucede se os datos ou a documentación achegados para a obtención da xustiza gratuíta son erróneos ou falsos?

    Nos supostos de presentación de documentación falsa ou errónea, declaracións falsas ou erróneas e de falseamento, ocultación ou manipulación de datos que fosen determinantes para o recoñecemento á asistencia xurídica gratuíta darán lugar á revogación deste dereito.

    A revogación levará consigo o deber do pagamento de todos os honorarios de avogado e procurador producidos dende a concesión do dereito, así como a cantidade equivalente do custo das demais prestacións obtidas en razón de dita concesión, sen prexuízo das responsabilidades penais que correspondan.

  • Que tipo de persoas xurídicas poden obter o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta?

    Como persoas xurídicas, e sempre que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, soamente poderán optar as asociacións de utilidade pública e as fundacións inscritas no rexistro administrativo correspondente.

    As empresas ou entidades con ánimo de lucro non poden obter o beneficio da asistencia xurídica gratuíta.

  • Ligazóns relacionadas