Prestacións

Esta materia é obxecto de exame no artigo 6 da lei, no que se enumeran as seguintes prestacións:

  • Asesoramento e orientación gratuítos previos ao proceso para aqueles que pretendan reclamar a tutela xudicial dos seus dereitos ou intereses, cando teña por obxecto evitar o conflito procesual ou analizar a viabilidade da pretensión. Esta función é desenvolvida polos servizos de orientación xurídica (SOXs) dos respectivos colexios de avogados da nosa comunidade autónoma.
  • Asistencia de avogado/a á persoa detida ou presa que non designara previamente outro letrado, para calquera dilixencia policial que non sexa consecuencia dun procedemento penal xa iniciado con anterioridade ou na súa primeira comparecencia perante un órgano xurisdicional, ou ben cando se leve a cabo por medio de auxilio xudicial e o detido ou preso non designara letrado no lugar onde este se preste.
  • Defensa e representación gratuítas por avogado/a e procurador/a no proceso, sempre que a intervención destes veña imposta pola lei ou, cando así non fose, sexa expresamente requirida polo xulgado ou tribunal mediante auto motivado para garantir a igualdade das partes no proceso.
  • Inserción gratuíta de anuncios ou edictos no curso do proceso, cando a lei dispoña que deban publicarse en xornais oficiais.
  • Exención do pagamento das taxas xudiciais e mais dos depósitos necesarios para a interposición de recursos.
  • Asistencia pericial gratuíta a cargo do persoal técnico adscrito aos órganos xurisdicionais, ou, na súa falta, a cargo de técnicos dependentes das administracións públicas. Para o caso de que non fose posible a asistencia pericial dos técnicos anteriores, esta será levada a cabo, se o xuíz ou tribunal o estima pertinente en resolución motivada, polos peritos que mediante sorteo sexan designados entre os técnicos privados que correspondan.
    Así mesmo, o xuíz ou tribunal  poderá acordar en resolución motivada que a asistencia pericial especializada gratuíta sexa levada a cabo por profesionais técnicos privados cando deba prestarse a menores e persoas con discapacidade psíquica que sexan vítimas  de abuso ou maltrato, podendo prestarse de xeito inmediato.
  • Obtención gratuíta de copias, testemuños, instrumentos e actas notariais, nos termos previstos no artigo 130 do Regulamento notarial.
  • Redución do 80% dos dereitos arancelarios que correspondan polo outorgamento de escrituras públicas e pola obtención de copias e testemuños notariais non contemplados no apartado anterior, cando teñan relación directa co proceso e sexan requiridos polo órgano xudicial no curso do mesmo ou sirvan para o fundamento da pretensión do/a beneficiario/a de xustiza gratuíta.
  • Redución do 80% dos dereitos arancelarios que correspondan pola obtención de notas, certificacións, anotacións, asentos e inscricións nos rexistros da propiedade e mercantil, cando teñan relación directa co proceso e sexan requiridos polo órgano xudicial no curso do mesmo ou sirvan para o fundamento da pretensión do/a beneficiario/a da xustiza gratuíta.
  • Os dereitos arancelarios a que se refiren os apartados anteriores non se percibirán cando a persoa interesada acredite ingresos por debaixo do indicador público de renda para efectos múltiples (IPREM), é dicir, 6.390,13 euros.