Solicitude e procedemento

  • Iniciación

    A persoa que pretenda obter o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta deberase dirixir ao colexio de avogados do lugar en que se atope o xulgado ou tribunal que ha de coñecer do proceso principal para o que o dito dereito se solicita, ou ao xulgado do seu domicilio.

    Nos referidos lugares, colexio de avogados ou xulgado, facilitaranlle o modelo oficial de solicitude; así mesmo, no colexio auxiliarana para cubrir a solicitude. Nos partidos xudiciais en que non haxa sede do colexio de avogados, os solicitantes poderanse dirixir ao xulgado para recoller o modelo oficial de solicitude, onde a entregarán unha vez cuberta; tras isto, o órgano xudicial deberá remitir a solicitude ao colexio de avogados que territorialmente corresponda (artigo 12 da lei).

    O solicitante poderá optar por asinar un consentimento expreso para que sexa o colexio quen solicite os certificados electrónicos que deben acompañar á solicitude.

  • Designación provisional de letrado/a e procurador/a

    Os colexios de avogados darán preferencia e tramitarán con urxencia as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta no ámbito dos procedementos para o axuizamento rápido de delitos (tanto respecto das vítimas coma dos imputados), así como as solicitudes de partes en xuízos rápidos civís (artigo 16 do Decreto 269/2008).

    Unha vez que o colexio de avogados dispoña da solicitude, examinará esta e mais os documentos que o solicitante achegase, e resolverá no prazo de quince días designándolle un letrado de forma provisional, salvo que estime necesario a emenda de deficiencias; tras isto, daralle comunicación ao colexio de procuradores, que deberá proceder á designación dun procurador no prazo de tres días, sempre que a súa intervención sexa legalmente preceptiva. Logo disto, o colexio de avogados daralle traslado da solicitude á comisión de asistencia xurídica gratuíta no prazo de tres días.
     
  • Emenda de deficiencias

    No caso de que o colexio de avogados estime que na solicitude existen deficiencias ou que a documentación presentada resulta insuficiente, comunicarallo ao interesado para que a aclare ou complete no prazo de dez días; transcorrido ese prazo sen facer a aclaración ou completar a documentación, o colexio arquivará a solicitude.

    Se esas deficiencias fosen emendadas, o colexio deberá resolver, procedendo ou non á designación provisional de avogados se estima ou non que o peticionario reúne os requisitos para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta, á vista da solicitude presentada e da documentación que se achegue, no prazo de quince días a contar desde a recepción da solicitude emendada (artigo 14 e 15 da lei).

  • Resolución negativa ao proceder á designación ou ausencia da mesma por parte do colexio de avogados

    No caso de que o colexio de avogados estime que o peticionario non reúne os requisitos, ou que a pretensión principal que intenta facer valer o solicitante é manifestamente insostible ou carente de fundamento, notificará ao solicitante no prazo de cinco días que non efectuou a designación provisional de avogado e trasladará a solicitude á comisión de asistencia xurídica gratuíta.

    Se o colexio non resolvese dentro de prazo, o solicitante poderá reiterar a súa solicitude ante a comisión, a cal, de xeito inmediato, solicitará o expediente ao colexio de avogados e ordenará asemade a designación provisional de avogado e de procurador, no caso de que este último fose preceptivo (artigo 15 da lei).

  • Resolución e notificación por parte da comisión ou delegación

    A comisión, tras recibir a solicitude e mais a documentación que a acompaña, fará as comprobacións necesarias e solicitará a información que estime necesaria con vistas a valorar a situación económica do solicitante, e ditará resolución dentro do prazo de trinta días hábiles contados desde a recepción daquela, concedendo ou denegando o recoñecemento do dereito. A dita resolución notificaráselles no prazo común de tres días ao solicitante, as partes interesadas, ao colexio de avogados, e se fose o caso tamén ao de procuradores; e así mesmo comunicaráselle ao xulgado ou tribunal que estea coñecendo do proceso, ou ao xuíz decano da localidade se aquel aínda non se iniciara (artigo 17 da lei).

  • Ausencia de resolución

    Se a comisión non dita resolución, entenderase validada a decisión adoptada anteriormente polo colexio de avogados. No caso de que este non adoptara ningunha resolución, o silencio da comisión será positivo, polo que procederá a solicitude do interesado, quen se poderá dirixir ao xuíz ou tribunal que coñeza do proceso (ou, se a solicitude se realiza con anterioridade á iniciación do mesmo, ao xuíz decano competente) para que declare o dereito na súa integridade e para que lle requira ao correspondente colexio de avogados –e de procuradores, se fose o caso– que designe os profesionais (artigo 17 da lei).

  • Efectos da resolución

    O recoñecemento do dereito implicará a confirmación das designacións de avogado e procurador efectuadas polos respectivos colexios profesionais.

    Se a comisión denegase o recoñecemento, as designacións que eventualmente se realizaran quedarán sen efecto e o peticionario deberá aboar os honorarios e dereitos económicos ocasionados pola intervención dos profesionais designados con carácter provisional (artigo 18 da lei).

  • Revogación do dereito

    A declaración errónea, así como o falseamento ou ocultación polos solicitantes de datos que foran determinantes para o recoñecemento do dereito, darán lugar á revogación do mesmo por parte da comisión ou delegación, que para estes fins terá facultades para a revisión de oficio.

    A revogación levará consigo a obriga de pagar todos os honorarios de avogado e procurador producidos desde a concesión do dereito, así como a cantidade equivalente do custo das demais prestacións obtidas en razón da dita concesión, sen prexuízo das responsabilidades penais ou doutra orde que, se fose o caso, correspondan (artigo 19 da lei).

  • Recursos

    Poderán recorrer contra a concesión ou denegación de modo definitivo do dereito á asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas que teñan un interese lexítimo.

    Tal impugnación, para a cal non será preceptiva a intervención de letrado, deberá formalizarse por escrito e de xeito motivado, no prazo de cinco días desde a notificación da resolución ou desde que fose coñecida por calquera das partes lexitimadas para interpoñela, ante o secretario da comisión de asistencia xurídica gratuíta. Este remitirá o escrito de impugnación, xunto co expediente correspondente á resolución impugnada e unha certificación desta, ao xulgado ou tribunal competente, ou ao xuíz decano, para a súa repartición, se o procedemento aínda non se iniciara.

  • Quendas especializadas

    O Regulamento de asistencia xurídica gratuíta prevé a existencia de quendas especializadas para a asistencia xurídica de mulleres maltratadas, menores e estranxeiros.

  • Libre elección de avogado/a

    Os beneficiarios da xustiza gratuíta poderán elixir o avogado e procurador que se encargue da súa defensa e representación, polo menos nos procesos de familia, contencioso-administrativos e laborais, entre os profesionais inscritos nas listas de asistencia xurídica gratuíta correspondentes xestionadas polos colexios, sempre que non tivesen esgotada a súa cota máxima semestral (a cal será establecida por unha resolución da Dirección Xeral de Xustiza).

  • Unidade de actuación letrada
    • Nos casos de violencia de xénero, a asistencia letrada ás vítimas será prestada polo mesmo avogado desde que se requira a dita asistencia ata a finalización do procedemento, abranguendo ademais todos os procesos penais, civís e administrativos que teñan causa na violencia padecida.
    • Nos procedementos de axuizamento rápido de delitos, a asistencia letrada será prestada por un único avogado desde a detención ou primeira comparecencia, entendéndose con el todas as fases do procedemento.
    • No resto dos procedementos penais, os colexios instrumentarán as medidas necesarias para garantir o principio de unidade de actuación desde a asistencia inicial ata a súa finalización (incluíndo o xuízo oral e a execución da sentenza), exceptuando as actuacións que se deban levar a cabo na circunscrición territorial doutro territorio.