Estás en: Portada / Organización / Secretaría Xeral / Servizos / Asociacións / Información xeral

Información xeral

- Que é unha asociación?
- Para que serve a inscrición rexistral?
- Que actos da asociación son obxecto de inscrición? 
- A denominación
- Que asociacións son obxecto de inscrición nos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia?
- Contactar cos rexistros de asociacións
- Presentación de solicitudes
- Publicidade das asociacións

 

Que é unha asociación? Subir

As asociacións son agrupacións de persoas constituídas para realizaren actividades colectivas de forma estable, organizadas democraticamente, sen ánimo de lucro.

Número de persoas necesarias para constituír unha asociación:
Tres ou máis persoas físicas ou xurídicas, que se denominan “promotores” ou “fundadores” e que deberán outorgar a acta de constitución e aprobar os estatutos da asociación.

O dereito de asociación recoñecido no artigo 22 da Constitución está regulado na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, de aplicación a todas as asociacións sen fins lucrativos que non estean sometidas a outra normativa específica.

 

Para que serve a inscrición rexistral? Subir

As asociacións teñen personalidade xurídica desde o momento mesmo da súa constitución.
   
A súa inscrición nun rexistro público supón unha serie de garantías, tanto para a propia asociación como para a sociedade en xeral e ten como función dar resposta ao requisito de publicidade das asociacións constituídas.

Así mesmo comporta diversos beneficios: aos asociados, en canto á súa responsabilidade patrimonial, xa que a inscrición supón a separación entre o patrimonio da asociación e o patrimonio dos asociados (art. 10.4 e 15 da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación), e ao resto da sociedade, porque a inscrición é garantía de que os fins da asociación son lícitos e o seu funcionamento democrático. 

 

Que actos da asociación son obxecto de inscrición? Subir

Non só é rexistrable a constitución dunha asociación, senón que hai diversos feitos que se suceden durante a súa existencia que son igualmente inscribibles. O artigo 34 do Real Decreto 949/2015, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións, establece os seguintes tipos de inscricións:

  1. A solicitude do interesado:
    • Constitución de asociacións
    • Constitución de federacións, confederacións e unións de asociacións
    • Transformación de asociacións (por cambio de ámbito xeográfico ou réxime xurídico)
    • Modificación dos estatutos
    • Identidade dos titulares da xunta directiva ou órgano de representación
    • Apertura e peche de delegacións e establecementos
    • Incorporación e separación de asociacións a federacións, confederacións e unións, ou de calquera destas a entidades internacionais
    • Fusión de asociacións
    • Disolución de asociacións
    • Delegacións en España de asociacións estranxeiras
  2. De oficio:
    • Inscricións ordenadas por resolución xudicial firme
    • Inscricións relativas á declaración e revogación da utilidade pública das asociacións  

 

A denominación Subir

As asociacións só poderán ter unha denominación. As siglas ou nomes abreviados que se engadan formarán parte da denominación única.

A denominación poderá expresarse en algunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderá ser en calquera idioma estranxeiro. De estimalo necesario, o rexistro poderá requirir á asociación un certificado de tradución da denominación.

En todo caso, a denominación estará formada por letras do alfabeto latino e, de incluír cifras, estas só poderán expresarse en números arábigos ou romanos.

Límites das denominacións

O Rexistro non inscribirá a denominación das asociacións cando:

  • Inclúa expresións contrarias ás leis ou poida supoñer vulneración dos dereitos fundamentais.
  • Estea formada exclusivamente co nome de España, os das súas comunidades autónomas, provincias, municipios, illas e demais entidades locais, co nome dos órganos das Administracións públicas, ou cos dos Estados estranxeiros ou organizacións internacionais.
  • Incorpore termos dotados de valor institucional como «estatal», «oficial», «público», «real» ou calquera outro que induza a confusión sobre a natureza xurídico-privada da entidade, salvo que esta conte coa correspondente autorización.
  • Inclúa termos ou expresións que induza a erro ou confusión sobre a súa propia identidade, ou sobre a clase ou natureza da mesma, en especial, mediante a adopción de palabras, conceptos ou símbolos, acrónimos e similares propios de persoas xurídicas diferentes, sexan ou non de natureza asociativa.
  • Denominacións que inclúan os dominios da internet, tales como «.es», «.com», «.net», «.gal» ou «.org».
  • Cando coincida ou se asemelle de maneira que poida crear confusión:
    1. Coa de entidades preexistentes, sexan ou non de nacionalidade española, salvo que, previa autorización das mesmas, se constitúan como filiais ou delegacións e introduzan algún patronímico que as distinga.
    2. Coa de ningunha outra asociación previamente inscrita no Rexistro ou que se atope incorporada ao ficheiro de denominacións de asociacións.
    3. Cos nomes ou pseudónimos das persoas físicas, salvo consentimento expreso das mesmas ou dos seus sucesores. Presúmese prestado o consentimento cando a persoa cuxo nome ou pseudónimo figure na denominación sexa socio fundador da asociación.
    4. Cunha marca rexistrada notoria, salvo que a inscrición a solicite o titular da mesma ou conste o seu consentimento.

Enténdese que existe identidade non só no caso de plena coincidencia na denominación, senón tamén cando concorra algún dos seguintes supostos:

  • A utilización das mesmas palabras en distinta orde, xénero ou número.
  • A utilización das mesmas palabras coa adición ou supresión de termos, artigos, preposicións, conxuncións, guións, signos de puntuación e demais expresións ou partículas de escaso significado.

Os termos «federación», «confederación» e «unión de asociacións» quedan reservados ás entidades asociativas de segundo grao definidas no artigo 2.2.

A expresión «asociación xuvenil» queda reservada a aquelas sometidas ao Real Decreto 397/1988, do 22 de abril, polo que se regula a inscrición rexistral de Asociacións xuvenís.

Cando a denominación elixida polos promotores ou socios non se axuste aos requisitos e límites establecidos, o Rexistro abrirá o trámite de corrección a que se refire o artigo 38.2 do Real Decreto 949/2015, do 24 de outubro.

Para saber se a denominación que se pretende inscribir figura xa inscrita nos rexistros de asociacións, consulte o ficheiro de denominacións na sede electrónica https://sede.mir.gob.es/nfrontal/webasocia.html

 

Que asociacións son obxecto de inscrición nos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia? Subir

Unicamente aquelas a asociacións, federacións, confederacións e unións de asociacións con ámbito de actuación comprendido dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, que son aquelas que desenvolvan principalmente as súas actividades no dito ámbito territorial, e sempre que non teñan fin de lucro nin estean sometidas a un réxime asociativo específico.

Non se inscriben neste rexistro os partidos políticos, sindicatos e organizacións empresariais, igrexas, confesións e comunidades relixiosas, federacións deportivas, asociacións de consumidores e usuarios e calquera outras reguladas por leis especiais.

As asociacións que soliciten a súa inscrición nos rexistros da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán establecer nos seus estatutos un domicilio en Galicia, que virá determinado polo ámbito territorial de actuación.

Rexistro de asociacións competente

A inscrición formalízase no Rexistro central ou provincial, en función do ámbito territorial que conste nos estatutos da asociación. Consultar en http://www.xunta.es/rexistros/RexistroRAS.htm


 

Contactar cos rexistros de asociacións Subir 
    • REXISTRO CENTRAL DE ASOCIACIÓNS, adscrito á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza - Secretaría Xeral Técnica
      Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas
      Edificio Administrativo San Caetano, s/n - 15781 Santiago de Compostela
      Telf.: 881 995 467
    • REXISTROS PROVINCIAIS DE ASOCIACIÓNS, adscritos ás Xefaturas territoriais de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
      • A Coruña
        Servizo de Xestión Técnico-Administrativa
        R/Vicente Ferrer, nº 2 - 15008 A Coruña
        Telf.: 981185765
      • Lugo
        Servizo de Xestión Técnico-Administrativa e Interior
        Ronda da Muralla, 70 - 27071 Lugo
        Telf.: 982 294 333     
      • Ourense
        Servizo de Xestión Técnico-Administrativa e Interior
        Avenida da Habana, 79 - 32004 Ourense
        Telf.: 988 386 412
      • Pontevedra
        Servizo de Xestión Técnico-Administativa e Interior
        Rúa Fernández Ladreda, 43 - 36003 Pontevedra
        Telf.: 986 805 376

 

Presentación de solicitudes Subir 

As solicitudes e documentación poderán presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares establecidos na normativa reguladora do réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas a un dos rexistros sinalados no apartado anterior.

A estes efectos no modelo de solicitude PR308A, ao final da terceira páxina, deberán marcar a casiña que corresponda:

  • Secretaría Xeral Técnica, se vai dirixida ao Rexistro Central de Asociacións.
  • Xefatura Territorial da Presidencia e Consellería de Presidencia, A.P. e Xustiza de: (A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra), se vai dirixida a un dos rexistros provinciais de asociacións.

Prazo de resolución: 3 meses 

  

Publicidade das asociacións Subir

A publicidade farase efectiva mediante certificación do contido dos asentos, por nota simple informativa ou por copia dos asentos e dos documentos depositados nos rexistros de conformidade co disposto no artigo 29 da L.O. 1/2002. A información facilitada axustarase aos requisitos establecidos na normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

Tamén mediante exhibición dos asentos e documentos por comparecencia dos interesados na sede do rexistro, previa solicitude por escrito dos interesados, presentada con antelación suficiente e sempre en presencia do persoal competente.

No caso de solicitar listados: a información a través de listados sobre entidades inscritas nos rexistro de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia, facilítase con suxeción ás disposicións contidas na normativa de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (exceptúa as solicitudes de consulta xenérica sobre un conxunto de materias).

Que documentos teño que presentar?

  1. Solicitude (modelo PR308A): formulada polo/a interesado/a e dirixida ao rexistro competente, sinalando o recadro correspondente a descrición dos datos ou actos dos que se solicita certificación ou información.
  2. Xustificante do pagamento da taxa correspondente
  3. A que rexistro teño que dirixirme?