Funcións e competencias

A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa exercerá as súas competencias desenvolvendo as seguintes funcións:

  • En materia de funcionamento dos servizos públicos:
    • A realización de auditorías de control do funcionamento dos centros, servizos e unidades, dentro do seu ámbito de actuación, para a detección de posibles deficiencias, emitindo o correspondente informe e propoñéndolle ao órgano competente a adopción das medidas necesarias para a súa corrección.
    • Exercer o labor de control establecido na Lei 14/2013, do 26 de decembro, en relación cos procesos de creación de novas entidades instrumentais ou de integración no sector público autonómico doutras existentes, a través da análise e informe sobre a súa procedencia, tendo en conta razóns de eficacia, autonomía de xestión e non duplicidade.
    • A vixilancia do cumprimento da normativa vixente en materia de xornada, horario, permisos e licenzas do persoal ao servizo da Administración autonómica galega así como a coordinación e o impulso do teletraballo a través da análise, valoración e informe dos postos de traballo que sexan susceptibles de seren prestados baixo esta modalidade non presencial de prestación de servizos.
    • En xeral, aquelas funcións de información, inspección, auditoría e control que, con carácter extraordinario, lle sexan encomendadas polo/a conselleiro/a de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
  • En materia de avaliación do rendemento e xestión da calidade:
    • O desenvolvemento e a xestión de medidas para a implantación de sistemas de mellora da calidade tendentes a promover a mellora continua dos servizos da Administración autonómica, tanto dos que se lle prestan directamente ao/á cidadán/á como dos servizos internos.
    • A colaboración cos órganos competentes doutras administracións públicas no deseño e na aplicación de programas de avaliación do rendemento e da calidade tendentes a mellorar a prestación dos servizos públicos mediante o asinamento de convenios que faciliten o intercambio de información, métodos e experiencias.
  • En materia de racionalización e simplificación de procedementos administrativos:
    • A promoción, planificación e coordinación dos procesos de racionalización, simplificación e modernización dos procedementos administrativos, suprimindo trámites e documentos innecesarios, reducindo cargas administrativas e promovendo a implantación da Administración electrónica coa finalidade de mellorar a resposta á cidadanía.
    • A emisión de informe, con carácter preceptivo e previo á súa aprobación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, sobre os proxectos de disposicións de carácter xeral que regulen procedementos administrativos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións. así como o establecemento de servizos á cidadanía e ao persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades integrantes do sector público autonómico.
    • A emisión de informe para a incorporación ao inventario de información administrativa e á sede electrónica dos procedementos administrativos iniciados de oficio na administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
    • A xestión e coordinación funcional do Sistema de xestión de procedementos administrativos (SXPA), ou outros sistemas integrados de xestión dos procedementos administrativos que sirvan de base do sistema de información da Xunta de Galicia.
    • A xestión e coordinación funcional do Servizo de Resposta Inmediata (Seri).
    • A coordinación da aplicación da normativa europea e estatal sobre simplificación e mellora da xestión administrativa.
  • En materia de transparencia, información administrativa e atención á cidadanía:
    • Velar e supervisar o cumprimento das obrigas de publicidade activa do sector público autonómico e do dereito de acceso da cidadanía á información pública, de conformidade coa normativa reguladora en materia de transparencia.
    • Desenvolver as accións que permitan incrementar o nivel de calidade e transparencia da información pública que difunde o sector público autonómico a través do Portal de transparencia e goberno aberto.
    • A dirección e coordinación, desde un punto de vista funcional, do sistema de información administrativa e atención ao/á cidadán/á da Xunta de Galicia, en colaboración coa Secretaría Xeral Técnica.
    • A avaliación periódica da calidade do sistema de información administrativa, propoñendo as medidas de mellora precisas co fin de facilitarlles aos/ás cidadáns/ás e usuarios/as os servizos que demandan.
    • Actuar funcionalmente como oficina de defensa das persoas usuarias dos servizos públicos do sector público autonómico, de acordo co indicado no artigo 25 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.
    • Garantir, en coordinación coa Secretaría Xeral e coas secretarías xerais técnicas das respectivas consellerías, a axeitada tramitación das suxestións e queixas presentadas pola cidadanía ante a Oficina de defensa das persoas usuarias dos servizos públicos do sector público autonómico, co obxecto de mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos.
  • En materia de estruturas orgánicas e relacións de postos de traballo:
    • A realización de análises da carga de traballo soportada polas distintas unidades administrativas e que respondan a criterios de racionalidade, simplificación e austeridade, para acadar unha Administración pública eficaz e eficiente. Neste sentido, as secretarías xerais das consellerías deberán solicitar informe á Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa antes de ser solicitado o informe á Dirección Xeral da Función Pública e á Dirección Xeral de Orzamentos sobre as estruturas orgánicas e as relacións de postos de traballo. De non ser emitido no prazo máximo de oito días naturais, o informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa entenderase favorable.
    • A realización de estudos sobre o dimensionamento de cadros de persoal, propoñendo as medidas necesarias sobre a reasignación de efectivos en función das cargas de traballo soportadas polas distintas unidades administrativas para conseguir un mellor funcionamento dos servizos.