Colexios profesionais e consellos

Os colexios profesionais son corporacións de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Configúranse como persoas xurídico públicas representativas de intereses profesionais, dirixidas non só á consecución de fins estritamente privados, senón principalmente a garantir que o exercicio da profesión – que constitúe un servizo ao interese xeral- se axuste ás normas ou regras que aseguren tanto a eficacia, como a eventual responsabilidade en tal exercicio.

Fins dos colexios profesionais

  • A ordenación do exercicio das profesions colexiadas, dentro do respectivo marco legal, a representación das mesmas.
  • Velar pola satisfacción dos intereses xerais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos dos seus colexiados.
  • Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, promovendo a formación e o perfeccionamento destes.
  • Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.
  • Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

Requisitos para a creación dun colexio profesional

  • Título académico oficial que respalde o exercicio da profesión.
  • Interese público que xustifique o carácter colexiado da profesión e a especial relevancia social ou económica das funcións inherentes á profesión, dado que a colexiación vai a ser obrigatoria.
  • Petición maioritaria dos profesionais interesados, xustificando a non posibilidade ou non conveniencia da integración nun colexio existente e que a solicitude é suficientemente representativa dos profesionais afectados.

A creación de colexios profesionais farase por Lei do Parlamento de Galicia.

Aprobación dos estatutos dun colexio profesional

Os estatutos dos colexios profesionais deberán axustarse ao previsto no artigo 17 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e en particular, asegurar que a estrutura interna e o funcionamento dos colexios sexan democráticos.

A aprobación inicial dos estatutos corresponde á Asemblea Xeral de colexiados, correspondendo a aprobación definitiva á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, previa cualificación de legalidade. Unha vez aprobados publícanse no Diario Oficial de Galicia.

Outros actos suxeitos a inscrición

Os colexios profesionais e consellos galegos de colexios profesionais deberán comunicar así mesmo ao Rexistro de colexios aos efectos da súa inscrición:

  • A modificación dos estatutos do colexio, cos mesmos trámites que os previstos para a aprobación destes.
  • A composición dos seus órganos de goberno (xunta directiva, etc) así como as modificacións destes, no prazo dun mes desde a adopción do acordo pola Asemblea.
  • Os cambios de domicilio, a creación de delegacións, etc., que deberán tramitarse como unha modificación estatutaria.
  • As inscricións practicadas no Rexistro colexial de sociedades profesionais.

Para máis información: colexios.profesionais@xunta.es

Obtención do título de xestor administrativo

Por Real Decreto 1141/2007, de 31 de agosto, amplíanse das funcións traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de colexios profesionais e en materia de expedición do título de xestor administrativo, funcións que foron asumidas por Decreto 172/2007, de 6 de setembro, e asignadas á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Documentos relacionados

  • Taxas de rexistro de colexios profesionais