Estás en: Portada / Organización / Direccións Xerais / Dirección Xeral de Xustiza / Dereito Civil Galego

Dereito Civil Galego

A. O Dereito Civil de Galicia

Título competencial

O Parlamento de Galicia ten a exclusiva potestade lexislativa en materia de “conservación, modificación e desenvolvemento” das institucións do dereito civil galego de acordo co que dispón o artigo 149.1.8.ª da Constitución e o 27.4.5 e 38.3 do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Ámbito de aplicación

O dereito civil galego despregará a súa eficacia no territorio da Comunidade Autónoma, salvo nos casos nos que, conforme ao dereito interrexional ou internacional privado, deban aplicarse outras normas.

A suxeición ao dereito civil de Galicia determinarase pola veciñanza civil, consonte ao disposto no dereito civil común.

Os galegos e galegas que residan fóra de Galicia terán dereito a manter a veciñanza civil galega consonte o disposto no dereito civil común e, en consecuencia, poderán seguir suxeitos ao dereito civil de Galicia.

As fontes do dereito civil de Galicia

As fontes do dereito civil de Galicia son a lei, o costume e os principios xerais que integran e informan o ordenamento xurídico galego. En defecto de lei e costume galegos, aplicarase con carácter supletorio o dereito civil xeral do Estado, cando non se opoña aos principios do ordenamento xurídico galego. Polo tanto, as leis civís galegas e os usos e costumes da mesma orixe sempre serán de preferente aplicación ás normas que contén o Código civil e ás demais leis civís comúns, que, polo tanto, serán de aplicación supletoria respecto daquelas normas.

B. Algunhas institucións do dereito civil de Galicia

1. Situación de ausencia non declarada xudicialmente

Esta materia regúlase dentro do título IV, dos artigos 46 ao 50 da Lei, e é unha institución necesaria para dotar de administración e representación aos bens cando o seu titular se encontre en situación de ausencia, sen necesidade de que nese caso teña que existir unha declaración legal.

Son presupostos da figura os seguintes:

  • Que se ignore o paradoiro da persoa ou que non se poida localizar de modo transitorio.
  • Que non estea representada lexitimamente por estar sometida á patria potestade ou tutela, por exemplo, ou voluntariamente por un apoderado.
  • E que no patrimonio do ausente se teña que realizar un acto ou negocio xurídico que non admita demora.

Os chamados a exercer a dita administración ou representación son, por orde sucesivo e excluínte, o cónxuxe non separado legalmente ou de feito, os descendentes e os ascendentes, sempre que teñan capacidade xurídica plena e sexan maiores de idade mentres dure a situación de ausencia.

No que se refire aos dereitos e obrigas do administrador dos bens do ausente, deberá render contas e terá dereito a percibir o vintecinco por cento dos froitos netos dos bens que goberne.

2. O vitalicio

O vitalicio é un contrato polo que, unha ou máis persoas, se obrigan unha con respecto á outra, ou doutras, a prestar alimento na extensión que acorden e en concepto de contraprestación polos bens que reciba o obrigado a prestalos (artigo 147). A extensión da obriga será a que as partes acorden, pero, en todo caso, esta prestación alimenticia abranguerá o sustento, a habitación, a vestimenta e a asistencia médica do alimentista, así como as axudas e os coidados, mesmo os afectivos, axeitados ás circunstancias das partes.

3. O retracto de graciosa

En todos os casos de execución patrimonial de bens de natureza agraria, se o debedor executado tivese a condición de profesional da agricultura, poderá retraer ou recuperar os bens que fosen adxudicados no prazo de trinta días a partir da data da notificación da adxudicación, mediante o pagamento do prezo e gastos de lexítimo aboamento (artigo 95 e seguintes).

Para o/a profesional da agricultura haberá que estar ao disposto no artigo 15 da Lei 83/1980, de arrendamentos rústicos, e demais disposicións que lle sexan aplicables.

En canto ao que se deba entender por bens de natureza agraria, considerarase que son aqueles que están suxeitos a unha explotación desa clase.

4. Usufruto voluntario de viuvez

Esta institución supón a consagración legal dunha frecuente práctica notarial, consistente na posibilidade de que o testador puidese conferir ao cónxuxe sobrevivente as máis amplas facultades de xestión en relación co patrimonio do falecido, o cal consiste en deixar aos herdeiros forzosos a totalidade dos bens da herdanza, pero en propiedade núa, e correspóndelle ao cónxuxe viúvo o usufruto da totalidade dos bens, de xeito que o herdeiro que quixese reclamar a súa lexítima vería limitada esta parte ao que lle correspondese no terzo da herdanza destinado no dereito común á lexítima estrita.

A carta de natureza que lle dá a Lei de Dereito Civil de Galicia a esta institución permítelles aos cónxuxes conceder, recíproca ou unilateralmente, o usufruto universal de viuvez podendo facelo en escritura pública ou en testamento, e podendo recaer dito dereito de usufruto sobre a totalidade ou parte da herdanza (artigo 228).

5. A mellora de labrar e posuír

O titular dun lugar acasarado, explotación agrícola ou establecemento fabril, industrial ou comercial que o queira conservar indiviso poderá pactar a súa adxudicación íntegra a calquera dos seus fillos ou descendentes, e aínda que as sortes de terra se encontren separadas (artigo 219).

Nestes casos, se no pacto non se dispón outra cousa, dita adxudicación suporá a institución de herdeiro considerándose ademais que se vén a constituír unha mellora tácita que abranguería o terzo ou quinto, ou sexa, as sete quinceavas partes da facenda hereditaria, e non evita que o ascendente dispoña, a favor do descendente preferido, do resto das porcións de libre disposición.

Cando o ascendente fixese uso desta facultade, o adxudicatario poderá compensar en metálico aos demais interesados na partición podendo realizar un pago a prazos pero, neste caso, só se garante o cumprimento de dita obriga.

Polo que se refire aos bens mobles, froitos, apeiros de labranza e gando que lles correspondan ás lexítimas dos que non se benefician do dereito de labrar e posuír, seranlles entregados ao seus donos ou pagados en metálico.

6. A apartación

As apartacións, o mesmo que as dúas últimas figuras que se examinaron, son institucións de dereito sucesorio e supoñen unha facultade para o titular dos bens ao poder excluír da súa herdanza aos herdeiros lexítimos mediante a adxudicación, inter vivos, de bens de calquera clase. Neste caso, o adxudicatario queda excluído de tal condición de herdeiro forzoso con carácter definitivo e incluso pode pactarse que quede asemade excluído do chamamento intestado.

7. Partillas feitas polos herdeiros maioritarios

Os herdeiros maiores de idade que representen máis do cincuenta por cento do haber hereditario ou sexan dous cando menos, poderán promover perante Notario a partición da herdanza, comezando por notificar dito propósito aos demais interesados, e sempre que non exista contador-partidor designado polo causante. Este xeito de facer a partición racha co principio de unanimidade que esixen os artigos 1058 e 1059 do Código civil.

C. As relacións xurídicas no medio rural

1. Concentración parcelaria

A Lei 12/2001, do 10 de setembro, de concentración parcelaria (DOG núm. 209, do 29 de outubro de 2001), que modifica a Lei 10/1985, do 14 de agosto, ten por obxecto a concentración e ordenación dos predios rústicos, para promover a constitución e o mantemento das explotacións cunhas dimensións suficientes e características axeitadas, intentando ampliar a superficie territorial e manter e incrementar a capacidade produtiva do campo, ordenando axeitadamente as explotacións agrarias, respectando o medio natural, intentando reordenar racionalmente os cultivos baixo a perspectiva da utilidade económica e social, e tendo en conta o obxectivo de fixar a poboación no medio rural, en base a facer rendible a actividade produtiva.

2. Unidades mínimas de cultivo

O Decreto 330/1999, do 9 de decembro (DOG núm. 246, de 23 de decembro de 1999) establece as unidades mínimas de cultivo no seu artigo 1, distinguindo por provincias, por grupos e diferenciando segundo as explotacións estean dedicadas a cultivos de secaño ou regadío.

3. Cómaro, ribazo ou arró

O cómaro, ribazo ou arró é unha especie de valado, pregue no terreo e un noiro que serve para separar un predio doutro ou doutros, establecendo a presunción iuris tantum (salvo proba en contrario) de que estes pertencen ao predio sito no plano superior.

4. Comunidades

Montes veciñais en man común

Esta materia está regulamentada pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común (DOG núm. 202, do 20 de outubro de 1989), polo regulamento que a desenvolve aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e pola Lei de Dereito Civil de Galicia, que configuran a dita institución como unha comunidade de tipo xermánica onde cada un dos comuneiros que constitúen a agrupación veciñal titular do monte ten unha cota ideal no conxunto do monte se o aproveita cunha vocación esencialmente agraria.

Muíños de herdeiros

Os muíños de herdeiros son aqueles que se utilizan para moer grans para o consumo familiar e alimentación de gando dos seus copropietarios, estes muíños son de copropiedade común e indivisibles, establecéndose u aproveitamento por pezas ou grupos de horas que acorden os partícipes e nos días que establezan, e, no seu defecto, polo que sexa costume.

Agras e vilares

Chámase agra ou vilar a unha extensión grande de terreo de labrado que, polo xeral, pertence a varios, o que supón tamén a copropiedade sobre os seus valos e cercados.

5. Servidumes e serventías

Servidume de paso

É o dereito a pasar polo predio servente a unha finca que está situada entre outra ou outras non tendo acceso suficiente a un camiño público transitable para satisfacer as necesidades permanentes de explotación do mesmo. Este dereito adquírese por lei, por dedicación do dono do predio servente, por negocio xurídico bilateral ou pola súa posesión pública, pacífica e ininterrompida durante o prazo de vinte anos a partir do momento no que empezase a exercitarse.

Serventía

O paso que se efectúa sobre un terreo que non teña carácter público e do que non conste o dominio ou identidade individualizada dos que o utilizan será considerado serventía, calquera que fose o que cada un dos usuarios ou causantes cedese para a súa constitución ou establecemento.

6. Arrendamentos e parzarías

Arrendamentos rústicos

Os arrendamentos rústicos rexeranse polos pactos que as partes establezan, polas normas que se establecen no capítulo I do título VII da Lei 2/2006 do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia e, no seu defecto, polos usos e costumes que lles sexan aplicables.

O obxecto destes arrendamentos é o uso e o aproveitamento dos predios rústicos e dos elementos vinculados a eles, no seu destino agrícola, pecuario ou forestal.

Arrendamento de lugar acasarado

O elemento necesario na configuración do dereito civil galego é a casa, como entidade familiar e patrimonial que constitúe o soporte físico que serve de sustento á familia que se asenta nel.

O lugar acasarado defíneo a lei como o conxunto que, formando unha unidade, comprende a casa de labor, as edificacións, as dependencias e os terreos, aínda que non sexan lindeiros. Tamén se inclúen nel toda clase de gando, maquinaria, apeiros de labranza e instalacións que constitúan unha unidade orgánica de explotación agraria, forestal ou mixta.

O prazo de duración mínima do contrato pola que se constitúa o arrendamento é de cinco anos, agás denuncia do contrato polo arrendatario.

Arrendamentos rústicos históricos

Esta modalidade de arrendamento réxese pola Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 3/1993, do 16 de abril e as modificacións introducidas na mesma pola Lei 6/2005 de 7 de decembro.

Estes arrendamentos terán vixencia como tales ata o día 31 de decembro de 2002, data límite na que concluirá o prazo para exercitar o dereito para acceder á propiedade dos predios por parte do arrendatario, sempre pagando o prezo que corresponda e co cumprimento do requisito de que este sexa cultivador persoal, tendo en conta ademais que a lei outorga ao arrendatario a posibilidade de exercer o dereito de tento ou retracto sempre que o arrendador queira vender a finca a terceiros.
As parzarías

As parzarías regúlanse no capítulo II do título VII e defíneas o artigo 127 como aqueles contratos polos que unha das partes cede a outra o goce de certos bens, convindo en repartir en partes alícuotas os froitos ou rendementos que produzan. A forma do contrato de parzaría é libre, aínda que se fose verbal calquera das partes poderá pedir que se formalice por escrito.

Parzaría agrícola

Esta modalidade de parzaría ten por obxecto os predios rústicos de calquera clase, e pode comprender ademais a casa de labor e as súas dependencias.

Parzaría de lugar acasarado

O obxecto desta parzaría é o conxunto de elementos que constitúen unha unidade orgánica de explotación, polo que pode comprender, de acordo co disposto no artigo 119 da Lei, a casa de labor, as dependencias e os terreos, aínda que non sexan lindeiros, o gando, a maquinaria, os apeiros de labranza e instalacións que constitúan unha unidade orgánica de explotación agraria, forestal ou mixta.
Parzaría pecuaria

Constitúen o obxecto desta parzaría os animais susceptibles de aproveitamento na agricultura, na industria e no comercio.

Parzaría forestal

A parzaría forestal é aquela na que o dono de certas leiras destinadas a este tipo de explotación, concerta cunha ou varias persoas a creación dunha nova plantación, o seu mantemento e a posterior participación nos rendementos de dita plantación.

7. A compañía familiar galega

A compañía familiar galega, coñecida tamén entre os xuristas galegos como compañía familiar, sociedade galega e sociedade de familias, consiste naquela asociación entre agricultores con vínculos de parentesco entre eles, para viviren xuntos e explotaren en común terras, lugar acasarado ou explotacións pecuarias de calquera natureza pertencentes a todos ou algún dos reunidos.

A forma do acordo de constitución da compañía é libre, e cando un agricultor case e leve para a casa o seu cónxuxe enténdese constituída a compañía familiar galega, salvo que acorden que non se constitúa.

Son bens que integran o patrimonio da compañía os achegados polos socios, os adquiridos a título oneroso por conta do capital común, os froitos e rendas, as ganancias e os intereses percibidos ou debidos durante o mesmo tempo, procedentes dos bens sociais. Tamén as edificacións, reconstrucións, plantacións e calquera tipo de mellora feita nos bens sociais, así como calquera outro que as partes acorden.

Por outra banda, a compañía deberá asumir como cargas o pagamento dos gastos derivados da mantenza, vestimenta, instrución, asistencia médica e enterro, tanto dos asociados como das persoas que estean ao seu cargo, así como os gastos de administración, reparacións, melloras, etc. feitos no beneficio da compañía.

D. Dereito de sucesións

O título X da Lei de Dereito Civil de Galicia, no seu capítulo I, establece que a delación sucesoria pode ter lugar por testamento (que supón un acto de vontade do defunto), por calquera dos pactos sucesorios admisibles consonte ó Dereito e pola lei (sucesión lexítima ou ab intestato) todos eles compatibles entre si.

A sucesión testada

Clases de testamentos

Testamento aberto notarial

Este testamento feito perante notario poderá ser individual, mancomunado ou por comisario, e non será necesaria a presenza de testemuñas, agás nos supostos seguintes:

  • Cando o solicite o notario ou o propio testador.
  • Cando o testador sexa cego, demente en intervalo lúcido ou non saiba ou non poida ler ou escribir.

O testamento individual ten os mesmos requisitos que se establecen no dereito común (Código civil).

O testamento mancomunado é o que fan os cónxuxes galegos dentro ou fóra do territorio galego. A súa revogación poderá facela un cónxuxe en vida do outro ou ambos conxuntamente, producirá a ineficacia total das disposicións reciprocamente condicionadas e terá que facerse en testamento aberto notarial. Falecido un cónxuxe, o testamento convértese en irrevogable respecto daquelas disposicións que tivesen o carácter de reciprocamente condicionadas ou que se outorgasen a prol de persoa incapaz de herdar.

Testamento por comisario

En testamento ou en capitulacións matrimoniais, cada un dos cónxuxes poderá nomear comisario ao outro co obxecto de que poida distribuír os bens do defunto e designar herdeiro ou legatario entre os fillos e descendentes comúns, sen prexuízo das lexítimas e das melloras que instituíse xa o causante.

O comisario non poderá delegar a función encomendada e perderá esta pola presentación da demanda de nulidade, separación u divorcio, pola separación de feito dos cónxuxes ou polo novo matrimonio do viúvo ou viúva celebrado antes do exercicio da facultade testatoria.
A sucesión intestada

No caso de inexistencia de testamento ou non validez do mesmo e non existindo persoas con dereito a herdar de acordo coa Lei de Dereito Civil de Galicia, a sucesión rexerase polo disposto no Código civil.

No caso de que non existan persoas con dereito a herdar segundo a dita normativa, herdará a Comunidade Autónoma de Galicia

E. Comisión Superior para o estudio do desenvolvemento do dereito civil galego.

A conservación, modificación e desenvolvemento das institucións do dereito civil galego, así como as normas procesuais que se deriven deste específico dereito galego, son competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia segundo establece o artigo 27 do noso Estatuto de autonomía.

Para ser eixe e motor da súa recuperación, por medio do Decreto 71/1984 creouse a Comisión Superior para o Estudio do Desenvolvemento do Dereito Galego.

A comisión é un órgano consultivo da Xunta de Galicia que realiza estudios e emite ditames e informes solicitados pola Administración autonómica nas materias citadas.

 

Documentos relacionados

  • Lei 6/2005, do 7 de decembro, pola que se modifica a Lei 3/1993 das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia.
  • Lei 3/1993, do 16 de abril, das parzarías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia.
  • Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
  • Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.
  • Lei 10/2007, do 28 de xuño, de reforma da D.A. 3ª da Lei 2/2006 de dereito civil de Galicia.
  • Lei de montes veciñais en man común.
  • Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia (DOG 20.06.1997).
  • Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar.
  • Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia (DOG 29.10.2001).
  • Lei 5/2005, do 25 de abril, reguladora do recurso de casación en materia de dereito civil de Galicia.