Programa de impulso democrático da Xunta de Galicia 2015-2016

A Xunta de Galicia considerou necesario dar un impulso democrático ao país, no que a cidadanía fose a protagonista mediante unha meirande participación nos asuntos públicos. Para a consecución deste obxectivo, cómpre unha maior transparencia da actividade das Administracións públicas que posibilite a achega de información á cidadanía.

O goberno galego, no seu obxectivo de promover a máxima transparencia da xestión pública, puxo en marcha o “Programa de impulso democrático da Xunta de Galicia 2015-2016” cun cuádruplo alcance:

  • Incrementar e reforzar a transparencia na actividade pública, a través de obrigas de publicidade activa na Administración xeral e nas entidades instrumentais do sector público autonómico.
  • Recoñecer e garantir o acceso á información, regulado como un dereito.
  • Establecer as obrigas do bo goberno que deben cumprir os responsables públicos, así como as consecuencias xurídicas derivadas do seu incumprimento.
  • A rexeneración democrática na nosa Comunidade Autónoma.

Se ben no ordenamento xurídico galego xa existían normas sectoriais que contiñan obrigas concretas de publicidade activa, por exemplo, en materia de contratación, subvencións, orzamentos ou actividades de altos cargos, o presente programa supuxo un importante avance na materia con respecto á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración, e, ao mesmo tempo, tivo en conta o novo marco normativo que establece a Lei do Estado 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Participación na elaboración da lei de transparencia e bo goberno

O 4 de febreiro de 2015 a Xunta de Galicia abriu un espazo co obxecto que a cidadanía  puidese participar na elaboración da Lei de transparencia e bo goberno, mediante a presentación das propostas e suxestións que consideraren oportunas. O prazo para a presentación destas finalizou o 4 de marzo de 2015.
 
Na elaboración do anteproxecto de lei tivéronse en conta as achegas realizadas na primeira fase. Posteriormente, o 25 de marzo de 2015, abriuse unha segunda fase na que se puxo a disposición da cidadanía o texto elaborado para ser sometido novamente á súa participación. O prazo de presentación de achegas e suxestións rematou o18 de abril de 2015.

Documentos relacionados

  • Resumo do Programa de Impulso Democrático de Galicia 2015-2016
  • Programa de Impulso Democrático de Galicia 2015-2016
  • Propostas e suxestións á futura lei de transparencia
  • Anteproxecto de lei de transparencia e bo goberno