Estás en: Portada / Organización / Direccións Xerais / Dirección Xeral de Emerxencias e Interior / Servizos / Espectáculos públicos / Información sobre a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia

Información sobre a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia

Consideracións sobre a entrada en vigor da Lei 10/2017

Respecto das dúbidas xurdidas nalgúns concellos con motivo da entrada en vigoR - o 2 de xullo de 2018- da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, a respecto de determinadas funcións que ata o de agora viñan desenvolvendo as xefaturas territoriais desta consellería, cómpre facer as seguintes consideracións:

  1. Autorizacións de carácter extraordinario: a lei, dentro das competencias municipais (artigo 5), establece que lles corresponde aos concellos recibir e comprobar as declaracións responsables, así como outorgar as licenzas que correspondan en relación cos espectáculos públicos e coas actividades recreativas que se desenvolvan dentro do termo municipal, incluídas as de carácter extraordinario, que define no artigo 3. 

    A este respecto, cómpre ter en conta que a Lei derroga ‒na súa disposición derrogatoria única‒ nomeadamente:

    “[...] a) Os artigos 4 e 7 do Decreto 292/2004, do 18 de novembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia.”

    En consecuencia, a partir do 2 de xullo de 2018 os concellos asumirán esta función dentro da competencia municipal en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

  2. Autorizacións de probas deportivas: o mesmo precepto da Lei 10/2017 tamén inclúe a intervención administrativa do concello no que atinxe ás probas deportivas, marchas ciclistas e outros eventos que se desenvolvan dentro do termo municipal. Polo tanto, a partir da entrada en vigor da lei, os concellos asumirán a función de autorizar as probas deportivas que discorran polo termo municipal sen diferenciar o tipo de vías polas que se desenvolvan, dentro da competencia municipal en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.
  3. Ampliacións ou reducións de horarios: a lei parte da competencia autonómica para a determinación do horario xeral de apertura e peche dos establecementos públicos e de inicio e finalización dos espectáculos públicos e das actividades recreativas. Así mesmo, fai unha remisión ao posterior desenvolvemento mediante Orde da persoa titular da consellería competente na materia (artigo 17). Neste marco normativo poderán establecerse os criterios, os supostos e as circunstancias que permitirán aos concellos autorizar, de xeito motivado, ampliacións ou reducións sobre o horario xeral.

    A este respecto, cómpre ter en conta o establecido na disposición transitoria quinta da lei, nos seguintes termos:

    “Mentres non se aprobe e entre en vigor a orde a que se refire o artigo 17 continuará vixente a orde do 16 de xuño de 2005 pola que se determinan os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no que atinxe aos horarios de apertura e peche de establecementos, espectáculos públicos e actividades recreativas como á competencia autonómica para a súa alteración nos termos previstos na devandita orde.”

    Xa que logo, os concellos non poderán exercer esa función de xeito inmediato logo da entrada en vigor da lei, senón que para autorizar as ampliacións ou reducións de horarios deberán agardar á aprobación por parte desta consellería da orde correspondente, na que se establecerán os criterios, os supostos e as circunstancias en que o poderán facer.

Documentos relacionados

  • Información gráfica de resumo da lei
  • Consultas sobre a aplicación da lei