Glosario de termos parlamentarios

A | B | C | D | E | F | G | H | I | L | M | O | P | Q | R | S| T | U | V
|A| Subir
  • Absentismo: falta de asistencia voluntaria e inxustificada dos membros do parlamento ás sesións do pleno ou das  comisións. Neste caso o deputado ou deputada pode ser privado/a, por acordo da Mesa, dalgún ou de todos os dereitos que se lle conceden segundo os artigos 8 ó 11 do Regulamento do Parlamento de Galicia.
  • Abstención: enténdese por abstención a  omisión voluntaria, que exercen os/as  parlamentarios/as ao non  participar na resolución dalgún asunto, no que se requira a manifestación da súa opinión. O Regulamento do Parlamento de Galicia, contempla no seu artigo 90 a abstención de votar coma unha opción.
  • Acordo parlamentario: resolución ou norma que se establece conforme ás prácticas vixentes do procedemento, dentro do Parlamento.
  • Acta: documento no que se plasma a relación, narración ou reseña por escrito dos feitos, deliberacións ou acordos que teñen lugar no cumprimento das funcións lexislativas.
  • Alusións (quenda por): dereito que teñen os membros do Parlamento  a contestar, a xuízo da Presidencia, cando no desenvolvemento dos debates se fixesen alusións que conleven xuízos de valor ou inexactitudes sobre a persoa ou conduta dun deputado/a. A persoa  aludida pode dispor do uso da palabra por un tempo de tres minutos.
  • Anteproxecto de lei: resultado dos traballos iniciais para a presentación dunha iniciativa ou proposta de lei ou decreto.
  • Articulado: conxunto de artigos dun tratado ou lei.
  • Asemblea: reunión dos membros do corpo lexislativo.
  • Asesor parlamentario: técnico/a ou profesional especializado/a nos asuntos parlamentarios cuxa función é a de asesorar, aconsellar, estudar, opinar e analizar os casos que lle son encomendados. 
|B| Subir
  • Boletín Oficial do Parlamento: publicación periódica que recolle todos os documentos  parlamentarios que entran ou saen da Cámara. Tamén se poden publicar nel, a xuizo, da Presidencia as disposicións das Cortes Xerais do Estado que poidan afectar a toda a Comunidade Autónoma de Galicia. 
|C| Subir
  • Cámara (lexislativa ou parlamentaria): cada unha das asembleas nas que se estruturan algúns parlamentos como é o caso do Parlamento español, integrado polo Congreso dos Deputados e polo Senado. Cando un Parlamento está constituído por unha única Cámara como é o caso de Galicia, o termo Cámara lexislativa é sinónimo de Parlamento.
  • Comisión: a Comisión está formada por un grupo de deputados/as, designados/as proporcionalmente polos seus  grupos parlamentarios.  A súa función é coñecer os proxectos, proposicións ou asuntos que lles encomenda, de acordo coa súa respectiva competencia, a Mesa do Parlamento. Existen diferentes tipos de comisións que poden ser lexislativas ou  non lexislativas.
  • Comisión permanente: son as que están establecidas de forma expresa no Regulamento do Parlamento.
  • Comisión non permanente: son as que se crean para unha función especial ou un traballo concreto. Extínguense  ao finalizar o seu obxecto ou en todo caso ao concluír a lexislatura.
  • Comparecencia: os membros da Xunta por petición propia ou por acordo da Mesa da Cámara e da Xunta de Portavoces, deberán comparecer ante o Pleno ou calquera das súas comisións para informaren sobre asuntos determinados.
  • Cuestión de confianza: apoio que o Presidente da Xunta pode demandar  ante o Parlamento sobre o seu programa, ou sobre unha declaración política xeral. A cuestión de confianza non pode ser votada ata transcorreren vinte e catro horas dende a súa presentación e entenderase outorgada cando obteña o voto da maioría simple dos/as deputados/as. No caso de non ser outorgada, a Xunta e o seu presidente cesan.
  • Chamada á cuestión: aviso que fai o/a Presidente/a ao/á membro/a do Parlamento que facendo uso da palabra se aparte da cuestión obxecto do debate, para que se centre nela. Á terceira chamada á cuestión a un/unha orador/a na mesma intervención, o presidente retíralle a palabra.
  • Chamada á orde: aviso que fai o/a Presidente/a do Parlamento  aos/ás deputados/as e oradores/as no caso de proferiren palabras ou verqueren conceptos ofensivos ao decoro da Cámara ou dos seus membros, das institucións do Estado e de Galicia ou de calquera outra persoa ou entidade. Cando nos seus discursos faltasen ao establecido para a boa marcha das deliberacións, cando con interrupcións ou de calquera forma alterasen a orde das sesións e cando, retirada a palabra a un orador, se pretenda continuar facendo uso dela, á terceira chamada a orde na mesma sesión o/a orador/a pode verse privado do uso da palabra e incluso obrigado/a a abandonar o salón. 
|D| Subir
  • Debate: discusión formal dos asuntos incluídos na Orde do Día das sesións  dos órganos do Parlamento. Ningún debate pode comezar sen a previa distribución, polo menos con corenta e oito horas de antelación, do informe, do ditame ou da documentación que teña de servir de base ao mesmo, agás acordo contrario da Mesa do Parlamento ou da Comisión, debidamente xustificado.
  • Decoro da Cámara: Comportamento esixible de acordo coas normas establecidas na Cámara.
  • Decreto lei: trátase dunha norma con rango de lei que emana do poder executivo sen que medie intervención ou autorización previa do Parlamento.
  • Decreto lexislativo: (ou decreto con forza de lei) trátase dunha norma xurídica con rango de lei que emana do poder executivo en virtude dunha delegación expresa efectuada polo poder lexislativo.
  • Diario de sesións do Parlamento: publicación periódica do Parlamento no que se deixa constancia dos incidentes producidos, de todas as intervencións e acordos adoptados en sesións do Pleno, da Deputación Permanente e, se é o caso, das comisión que non teñan carácter secreto.
  • Deputación permanente: é o órgano do Parlamento encargado de velar polos poderes da Cámara cando estea expirado o mandato parlamentario, cando o Parlamento estea disolto ou non estea reunido por vacacións ou por calquera causa de forza maior que impida reunir o Pleno.
  • Deputado/a: persoa presentada e elixida pola cidadanía nas eleccións ao Parlamento.
  • Disolución do Parlamento: termo que indica o final dunha lexislatura que normalmente ten unha duración de catro anos. 
|E| Subir
  • Elector/a : persoa con dereito a votar. Nas últimas eleccións tiñan dereito a votar todos os electores residentes en España inscritos na Comunidade Autónoma de Galicia e os residentes no estranxeiro inscritos, a efectos electorais, nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Emenda: proposta de supresión, modificación ou  adición a un texto lexislativo. Pode ser emenda ao articulado ou emenda a totalidade.
  • Emenda ao articulado: proposta de supresión,  modificación ou adición que poden facer os/as deputados/as e os grupos parlamentarios respecto a un proxecto ou proposición de lei ou a outros textos que sexan debatidos no Parlamento. Nos dous últimos supostos a emenda deberá conter o texto completo que se propoña.
  • Emenda á totalidade: é a que  versa sobre a oportunidade, os principios ou o espírito do proxecto de lei e postula a devolución daquel á Xunta, ou a que propón un texto completo alternativo ao do proxecto. Só poderán ser presentadas polos grupos parlamentarios ou por un deputado coa sinatura doutros catro. 
|F| Subir
  • Filibusteirismo: obstrucionismo parlamentario. 
|G| Subir
  • Grupo parlamentario: agrupación de deputados/as da mesma ou semellante ideoloxía. Os grupos parlamentarios impulsan as actuacións e as decisións do Parlamento. Deben constar polo menos de cinco deputados/as. Cada grupo ten un/unha portavoz. Non poden constituír grupo parlamentario separado deputados que pertenzan a un mesmo partido ou coalición electoral (salvo que se extinga ou remate a actividade do partido ou coalición electoral polo que concorreron).Os deputados que non sexan membros de ningún dos grupos parlamentarios constituídos poden asociarse a algún deles. 
|H| Subir
  • Hemiciclo: salón de sesións do pleno. 
|I| Subir
  • Inmunidade parlamentaria: protección de carácter procesal co fin de evitar que baixo o pretexto de acusación dun delito se atope un móbil político. Durante seu mandato os/as deputados/as non poden ser detidos/as nin retidos/as polos actos delituosos cometidos no territorio de Galicia senón en caso de flagrante delito.
  • Iniciativa lexislativa: proposta de iniciar un procedemento parlamentario ao que teñen dereito o Goberno e os deputados. Este dereito tamén o poden exercer os cidadáns cumprindo certos requisitos e con exclusión dalgunhas materias.
  • Interpelación: mecanismo de control do goberno que consiste no dereito que teñen os deputados/as e grupos parlamentarios a requirirlle explicacións sobre os motivos ou propósitos  de actuacións en cuestións de política xeral. Ten lugar no pleno do Parlamento e pode orixinar unha moción mediante a cal o Parlamento expresa a súa posición.
  • Investidura: (sesión de) sesión na que o Parlamento vota a favor ou en contra do/a candidato/a proposto/a como Presidente/a da Xunta despois de ter presentado o seu programa de goberno.
  • Inviolabilidade parlamentaria: prerrogativa parlamentaria  que garante a irresponsabilidade xurídica dos parlamentarios polos votos ou manifestacións emitidas no exercicio das súas funcións coa finalidade de asegurar, a través da liberdade de expresión, a libre formación da vontade do órgano lexislativo. 
|L| Subir
  • Lectura única: procedemento lexislativo especial que permite tramitar unha lei nunha soa votación.
  • Lei : trátase da norma de maior rango, despois da Constitución, que emana de quen ostenta o poder lexislativo. Mentres non está aprobada denomínase proxecto de lei.
  • Letrado oficial maior do Parlamento: xefe superior de todo o persoal e de todos os servizos do Parlamento, baixo a dirección do presidente e da Mesa. Cumpre as funcións  técnicas e de asesoramento dos órganos reitores, asistido dos letrados do Parlamento adscritos á Oficialía Maior.
  • Lexislatura: período de tempo durante o que un parlamento exerce os seus poderes. Iníciase coa elección dos membros do Parlamento  e remata coa disolución do mesmo ante a convocatoria de novas eleccións. A lexislatura no Parlamento de Galicia dura formalmente 4 anos a contar dende a data das eleccións. 
|M| Subir
  • Maioría simple: a metade máis un (ou máis) dos votos emitidos polos asistentes. Non contan as abstencións, os votos en branco nin os nulos.
  • Maioría absoluta: a metade máis un (ou máis) dos integrantes da Cámara.
  • Membro do Parlamento: deputado ou deputada.
  • Mesa de idade: está formada polo deputado electo de maior idade dos presentes, asistido, en calidade de secretarios, polos dous deputados máis novos. É a que preside a sesión constitutiva despois das eleccións.
  • Mesa do Parlamento (A): A Mesa do Parlamento, é o órgano reitor da Cámara  e desempeña a representación colexiada desta nos actos a que asista.
    Está composta polo presidente do Parlamento, dous vicepresidentes, un secretario e un vicesecretario.
    Baixo a dirección do seu Presidente, é o órgano responsable da organización do traballo e do réxime de goberno interior da Cámara. Todos os escritos e documentos de índole parlamentaria son clasificados pola Mesa para a súa  posterior tramitación de acordo co establecido polo Regulamento do Parlamento.
    Entre as súas  competencias está fixar o calendario de actividades do Pleno e das comisións para cada período de sesións e coordinar os traballos dos seus distintos órganos, todo isto logo da audiencia da Xunta de Portavoces.
    Tamén é responsable de elaborar o proxecto de presupostos do Parlamento de Galicia e proceder a súa execución unha vez aprobados.
  • Moción: manifestación da posición da Cámara  sobre algunha cuestión debatida nunha interpelación. Unha vez admitida pola Mesa a moción inclúese na Orde do Día  da seguinte sesión plenaria.
  • Moción de censura: mecanismo parlamentario para esixir a responsabilidade política da Xunta, do seu Presidente e dos conselleiros/as. Deberá ser proposta polo menos pola quinta parte dos/as deputados/as e no escrito, motivado, dirixido á Mesa do Parlamento, terá que incluírse un candidato á Presidencia da Xunta.  Se a moción de censura prospera cesará a Xunta e o seu Presidente e será investido o candidato proposto. 
|O| Subir
  • Orde do día : relación ordenada dos asuntos a tratar nunha sesión de Pleno ou en Comisión. 
|P| Subir
  • Parlamento (O): cámara ou asemblea lexislativa na que está representado o pobo. O exercicio da potestade lexislativa  da Comunidade Autónoma, en virtude da cal aproba as leis, é a máis característica das súas funcións, pero tamén exerce funcións de control do goberno e da actividade presupostaria.
  • Período de sesións: de setembro a decembro e de febreiro a xuño son os dous períodos ordinarios de sesións anuais nos que se reúne o Parlamento.
  • Pleno (O): é o órgano supremo da Cámara. Está constituído por todos os/as deputados/as e nel  se debaten en última e definitiva instancia todas as cuestións que son da súa competencia.
    Para poder tomar validamente acordos deben asistir  máis da metade dos seus membros.
    Os acordos serán válidos unha vez aprobados pola maioría simple dos membros presentes, sen prexuízo das maiorías especiais que estean establecidas por lei ou polo Regulamento da Cámara.
    O voto é  persoal e indelegable.
    Os membros do Parlamento toman asento no salón  de sesións conforme a súa adscrición a grupos parlamentarios.
    No salón de sesións hai un banco especial destinado aos membros da Xunta de Galicia que  poden asistir e intervir nas sesións aínda que non sexan deputados ou deputadas.
    As sesións do Parlamento serán públicas con determinadas excepcións, que se fixan regulamentariamente.
  • Portavoz: deputado/a nomeado/a polo seu grupo parlamentario para que o represente.
  • Proposición de lei: texto con prescricións normativas presentado  por un grupo parlamentario coa sinatura do seu portavoz ou por un deputado coa sinatura doutros catro membros da Cámara para a súa tramitación e aprobación como lei. As propostas presentadas polo Goberno reciben o nome de proxectos de lei.
  • Pregunta: mecanismo de control do Goberno mediante o cal un/una deputado/a pode demandar información relativa a un feito, unha situación ou algunha actuación. Pode formularse oralmente nunha Comisión ou no Pleno e tamén por escrito. O Goberno  está obrigado a responder.
  • Preguntas para resposta oral do  presidente da Xunta: o presidente comprometeuse a responder a unha pregunta por cada grupo parlamentario en cada pleno. O número máximo de preguntas que poden presentar é de tres por grupo e nese caso o presidente elixe unha para darlle resposta.
  • Proposición non de lei: trátase do procedemento máis usual para adoptar unha resolución do Parlamento. Pódese tramitar en Pleno ou en Comisión, en función da importancia dos temas obxecto da proposición.
  • Proxecto de lei: texto con prescricións normativas presentado polo Goberno ante o Parlamento para a súa tramitación e aprobación como lei. 
|Q| Subir
  • Quórum: número mínimo de asistentes que deben estar presentes. Para adoptar acordos na Cámara cómpre que asistan a maioría dos seus membros.  No caso de non existir quórum posponse a votación polo prazo máximo de dúas horas. Se transcorrido este prazo tampouco non puider celebrarse validamente a votación, o asunto será sometido a decisión do órgano correspondente na seguinte sesión. 
|R| Subir
  • Réplica (quenda de): dereito que ten o/a deputado/a que fose contradito nas súas argumentacións por outros/a dos/as intervenientes a replicar ou rectificar por unha soa vez e por tempo máximo de cinco minutos.
  • Rexistro de Intereses: rexistro  constituído na Cámara, baixo a dependencia directa do/a presidente/a, que recolle as declaracións obrigatorias dos/as deputados/as sobre as súas actividades e bens. 
|S| Subir
  • Sala de comisións: cada unha das salas, máis pequenas que o salón do Pleno,  nas que os/as deputados/as se reúnen para discutir as cuestións da súa incumbencia.
  • Salón de sesións: Lugar onde se reúne o Pleno do Parlamento.
  • Sesión: tempo destinado a tratar os asuntos recollidos na Orde do Día. As sesións das comisións son a porta pechada, mais poden asistir os representantes do medios de comunicación social debidamente acreditados.
    As sesións do Pleno son públicas, non obstante hai sesións secretas como as que tratan os traballos da Comisión do Estatuto dos Deputados ou cando acorden a maioría dos seus membros. As sesións poden ser ordinarias ou extraordinarias.
  • Sesión constitutiva do Parlamento: celebradas as eleccións ao Parlamento galego e proclamados os resultados,  a Xunta de Galicia publica o decreto da sesión constitutiva que terá lugar na data que, dentro do prazo de un mes, a partir do día de celebración das eleccións, determine o decreto de convocatoria.
    Esta sesión será presidida inicialmente polo/a deputado/a electo/a de maior idade dos presentes, asistido/a, en calidade de secretarios/as, polos/as dous/dúas deputados/as máis novos/as.
    O Presidente/a declara aberta a sesión e un/unha dos secretarios/as dá lectura ao decreto de convocatoria, á relación de deputados/as electos/as e aos recursos contencioso electorais interpostos, con indicación dos/das deputados/as electos/as que puidesen quedar afectados/as pola resolución dos mesmos.
    A continuación procedese a elección da Mesa do Parlamento.
    Concluídas as votacións,  os/as elixidos/as ocupan seus postos e o/a Presidente/a electo/a prestará e solicitará dos demais deputados/as o xuramento ou a promesa de acatar e gardar fidelidade á Constitución e ao Estatuto de Galicia para o cal son chamados/as por orde alfabética. Rematado o chamamento o Presidente/a declara constituído o Parlamento e levanta a sesión.
    A constitución do Parlamento debe ser comunicada polo seu Presidente a el-Rei,  ao Senado,  ao Presidente do Goberno e ao presidente en funcións da Xunta de Galicia.
  • Sesión de apertura da lexislatura: sesión solemne que ten lugar dentro do prazo dos quince días seguintes á celebración da sesión constitutiva, na que se inicia unha nova lexislatura.
    Sesión extraordinaria: son aquelas que teñen lugar fóra do período ordinario de sesións. A Cámara só poderá celebrar sesións extraordinarias por petición da Xunta de Galicia, da Deputación Permanente ou da maioría absoluta dos membros do Parlamento. Na petición deberá figurar a Orde do Día que se propón para a sesión solicitada.
  • Sesión informativa: comparecencia dos membros da Xunta, a petición propia ou cando así o solicite a Comisión correspondente. Poden comparecer ante a Comisión acompañados de autoridades e funcionarios/as das súas consellerías.
  • Sesión ordinaria: a que ten lugar dentro do período ordinario de sesións.
  • Sesión plenaria: sesión do Pleno do Parlamento.
  • Solicitude de datos, informes e documentos: facultade que teñen os/as deputados/as de solicitar das administracións públicas a información necesaria para o desenvolvemento das súas tarefas e o dereito a recibila.
  • Substanciar: tramitar un asunto. 
|T| Subir
  • Trámite: cada un dos pasos ou situación das que consta un procedemento.
  • Tramitar: facer pasar un procedemento polos trámites establecidos polo Regulamento do Parlamento a fin de chegar á súa conclusión. 
|U| Subir
  • Urxencia (trámite de): procedemento excepcional mediante o cal se acelera a tramitación dun procedemento parlamentario. 
|V| Subir
  • Vacacións parlamentarias: período durante o cal o Parlamento suspende a súa actividade ordinaria. Corresponden aos meses que hai entre os períodos de sesións parlamentarias.