Mediación

Entre as funcións atribuídas á Dirección Xeral de Xustiza, cobra especial relevancia o impulso, implantación e desenvolvemento de programas e actuacións de desxudicialización de conflitos e de promoción da mediación, especialmente no ámbito dos menores e da familia.

Deste xeito, a Dirección Xeral de Xustiza ten en marcha diversas iniciativas e servizos no eido da mediación, a saber:

  • Mediación familiar intraxudicial

    A mediación, a través do diálogo e o entendemento, permite dar unha mellor resposta naqueles litixios en que as partes implicadas requiren manter unha relación posterior á resolución do conflito, polo que se presenta como un mecanismo apto na resolución das controversias de familia.

    A implantación en Galicia da mediación moderna tivo lugar coa entrada en vigor da Lei 4/2001 de mediación familiar en Galicia (LMFG), e desenvolveuse mediante o Decreto 159/2003, polo que se regulou a figura do mediador, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta.

    O carácter multidisciplinar do equipo mediador (xuristas, que explican ás partes a lexislación aplicable á súa relación e ao mesmo tempo as necesidade e particularidades do proceso, e psicólogos, que axudan a resolver os problemas de achegamento e enfoque das partes acadando o clima necesario para a negociación) permite orientar ás persoas que teñan iniciado un procedemento xudicial como resultado dun conflito familiar, para conseguir unha solución satisfactoria ás súas controversias, habida conta da necesaria relación posterior á resolución do conflito que han de manter por ter intereses comúns, considerando as necesidades de cada membro de familia e especialmente dos/as nenos/as.

    Para levar a práctica esta actuación, a Xunta ten subscritos diversos convenios co Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Superior da Comunidade autónoma, os colexios de avogados e psicólogos, e a Universidade, para ofrecer o devandito servizo á cidadanía.

    • Servizo de mediación familiar intraxudicial de Santiago de Compostela
    • Servizo de mediación familiar intraxudicial de Ourense
    • Servizo de mediación familiar intraxudicial de Vigo
    • Servizo de mediación familiar intraxudicial de Lugo
    • Servizo de mediación familiar intraxudicial da Coruña
    • Servizo de mediación familiar intraxudicial de Pontevedra

     Xulgados que ofrecen mediación familiar intraxudicial:

    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 6 (Familia) de Santiago de Compostela
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 6 (Familia) de Ourense
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 5 (Familia) de Vigo
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 12 (Familia) de Vigo
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 1 de Lugo
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 2 de Lugo
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 3 de Lugo
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 4 de Lugo
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 5 de Lugo
    • Xulgado de Primeira Instancia Núm. 5 (Familia) de Pontevedra

    Servizos de mediación familiar intraxudicial: tratan asuntos que xa teñen iniciado un proceso xudicial, sendo o xulgado que está a tramitalo o que deriva o caso ao servizo de mediación.

    • Equipo Mediación Intraxudicial Santiago de Compostela
      Rúa Madrid 2-4 - Edificio EGAP
      15707 Santiago de Compostela
      Tfnos. 690 846 784 - 659 487 138
      equipomediacion@hotmail.com
    • Equipo de Mediación Familiar Ourense
      Pza. Concepción Arenal s/n, 1º (antigo edificio da Cámara da Propiedade)
      Cristina Nespereira Mira, avogada, e José A. Varela Alonso, psicólogo.
      Tfno. 988 386 934
      familiar@justicia.es
    • Universidade de Vigo
      Tfno.  65 0911 694
      mediacionfamiliarvigo@uvigo.es
    • Gabinete de Orientación Familiar dependente da Consellería de Traballo e Benestar en Lugo
  • Mediación no eido penal

    O Código penal de 1995 prevé expresamente o outorgamento de determinados beneficios xurídicos ao infractor que repare o dano causado á vítima, de modo que a participación do infractor nun proceso de mediación ten maior repercusión na satisfacción da vítima (permite a esta preguntar os porqués, posibilita expresar a súa dor e sentimentos, permite escoitar a petición de desculpas e a reparación do dano ata onde sexa posible).

    A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia ten posto en marcha en Ourense un Programa de mediación intraxudicial penal en delitos de seguridade viaria, que conta coa colaboración do Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Superior da Comunidade autónoma, e o Colexio de Avogados de Ourense, para ofrecer o devandito servizo á cidadanía. O dito proceso conta cun equipo permanente de mediación dependente do Ilustre Colexio de Avogados de Ourense.

    A finais de novembro de 2015, a Vicepresidencia asinou un convenio de colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal e a Universidade de Santiago, para poñer en marcha un programa experimental de mediación no ámbito penal en Santiago de Compostela.

  • Mediación no ámbito civil e mercantil

    A Lei 5/2012, do 6 de xullo, regula a mediación en asuntos civís e mercantís incorporando ao Dereito español a Directiva 2008/52/CE, que aprobou para o ámbito europeo o establecemento da mediación como medida para a resolución de asuntos civís e mercantís, de entre outros incluídos na denominada ADR (Alternative Dispute Resolution).

    Entre as vantaxes da mediación cómpre destacar a súa capacidade para dar solucións prácticas, efectivas e rendibles a determinados conflitos en asuntos civís e mercantís entre partes, o que a configura como unha alternativa ao proceso xudicial ou á vía arbitral, dos que se debe deslindar con claridade. A mediación está construída arredor da intervención dun profesional neutral que facilita a resolución do conflito polas propias partes dunha forma equitativa, permitindo o mantemento das relacións subxacentes e conservando o control sobre o final do conflito.

    A tal fin, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia ten establecido un marco estable e permanente de colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e mais co Consello Galego de Cámaras de Comercio, co fin de potenciar e consolidar a mediación como modalidade alternativa de solución de conflitos no ámbito empresarial cuxa xurisdición corresponda aos xulgados do mercantil e civil no ámbito da Comunidade galega. Así mesmo, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia ten asinado un protocolo de colaboración co Consello Galego de Procuradores en materia de mediación no ámbito civil e mercantil.

    Servizos de mediación na xurisdición civil e mercantil:

    • Consello Galego de Cámaras de Comercio
      Tfno.  981 596 120
      administracion@camaras-galicia.com
    • Consello Galego dos Procuradores
      Rúa Madrid 2-4 - Edificio EGAP
      15707 Santiago de Compostela